O BNG pide a transferencia completa a Galicia da xestión e o saneamento dos ríos

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, sinalou a "anomalía" que supón, por exemplo, que a xestión dos ríos ourensáns "se decida a 500 quilómetros de distancia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

A cabeza de lista do BNG ao Congreso por Ourense, Noa Presas, defendeu a transferencia a Galicia das competencias en materia hidrográfica co obxectivo de poder levar a cabo o proxecto para o saneamento integral e a mellora das augas, unha das cuestións que, na súa opinión, deberían ser prioritarias para o Goberno.

Este venres, a candidata nacionalista visitou o Concello de Vilar de Barrio. Alí, Noa Presas aproveitou para sinalar a "anomalía" que supón que a xestión dos ríos ourensáns "se decida a 500 quilómetros de distancia", algo que se traduce en "obstáculos para a limpeza e uso" dos concellos, sendo unha cuestión "estratéxica para a prevención e atención á seca".

Así mesmo, durante a visita ao municipio ourensán, a candidata do BNG ao Congreso puxo en valor o traballo realizado polo equipo de goberno do BNG liderado por Manolo Conde durante este últimos catro anos. "Vilar de Barrio é o exemplo claro de que as cousas en Ourense están a cambiar e a cidadanía quere cambios en positivo. Fai catro anos o BNG conseguía a alcaldía deste concello, gobernado desde sempre polo PP e nestas últimas eleccións as veciñas volveron confiar no proxecto que defendemos no BNG", destacou.

Neste sentido, a candidata nacionalista sinalou que entende a campaña do 23J como "unha oportunidade histórica para que Ourense poida ter unha voz forte no Congreso, da man do BNG", e romper definitivamente con "o bipartidismo clásico".

A candidata do BNG ao Congreso por Ourense Noa Presas visita o municipio de Vilar de Barrio.. BNG
A candidata do BNG ao Congreso por Ourense Noa Presas visita o municipio de Vilar de Barrio.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta