Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2023 | Actualizada ás 22:00
Chegou por accidente e semella que Afonso Rueda, Alfonso I do PPdeG, está conseguindo o que ningún líder deste partido conseguira antes, controlar o minifundismo e as revoltas irmandiñas que, de cando en vez, son habituais desde a implantación de Alianza Popular en Galicia.
Se Fraga e despois Feijóo tiveron que aceptar, en distintas épocas e conflictos, as condicións dos seus varóns, semella que a Alfonso Rueda, o novo presidente do Partido Popular de Galicia, as estratexias funcionanlle moito millor. Está conseguindo vitorias onde os seus antecesores afuciñaban con negativas e ameazas de rebelións.
Primeiro Fraga e logo Feijóo tiveron que tolerar e aceptar as imposicións de dirixentes provinciais. Algo que, semella que Rueda, cun ano no cargo, está sabendo gobernar de xeito diferente tal e como se pode ver no acontecido en Pontevedra e en Ourense.
AS BATALLAS DE FRAGA
Rueda está sendo quen de rematar co poder das últimas taifas populares que reinaban no seu partido, principalmente, a de Ourense. Unhas taifas que lle deron moitos problemas ao fundador do PP, Manuel Fraga, primeiro, e ao presidente do PP actual e candidato á Presidencia do Goberno español, Alberto Núñez Feijóo, despois.
Durante os seus 16 anos de dominio do PPdeG, Fraga tivo que lidiar coa guerra encuberta entre o PP da "boina", encarnados por José Luis Baltar e José Cuíña, e os do "birrete", liderados polo líder do PP da Coruña, José Manuel Romay Beccaría, un dos principais valedores de Feijóo.
Unha das máis sonadas revoltas desta guerra encuberta entre familias populares tivo lugar a finais do 2004. Foi ao amago de demisión e ameaza de moción de censura propiciada por cindo deputados do PP de Ourense na Cámara galega, entre eles, o líder provisional do PP de Ourense, José Manuel Baltar ou o presidente da Cámara galega, Miguel Santalices. Ameazaron, a instancias do entón presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, con deixar o PP se non se aceptaban algunhas condicións. Entre elas, ter total autonomía para decidir as listas desta provincia, e que José Cuíña, entón defenestrado tras a chegada de Feijóo a Galicia, puidera seguir dominando o PP de Pontevedra.
Tras distintas reunións entre Baltar e Fraga, a crise desactivouse co 'clan de Ourense' como vencedor. Conseguiron todo o que pedían, aínda que, polo medio, sacrificaron o futuro político de Cuíña.
AS BATALLAS DE FEIJÓO
Tampouco a Feijóo lle foi mellor que a Fraga. Asegurouse o control da Coruña e de Pontevedra tras desactivar boa parte do poder dos varóns provinciais coa defenestración de José Cuíña e a perda da Deputación de Lugo de Francisco Cacharro, pero non foi quen de dominar o territorio ourensán.
En 2010 quixo enfrontarse directamente co clan Baltar e impulsou un candidato propio ás eleccións á presidencia do PP de Ourense. O seu candidato, o entón alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, foi un auténtico desastre nun congreso que deixou a Baltar "fillo" como novo líder indiscutible da provincia.... Ata agora.
E CHEGA RUEDA
Nun ano como presidente popular, Rueda xa conseguiu o que non puideron nin Fraga, nin Feijóo, nos últimos 34 anos, acabar co "clan Baltar". A pesar dos últimos amagos de José Manuel Baltar de tentar rebelarse na provincia, o certo é que o seu apoio non ten nada que ver ao que tiña hai 13 anos. Xa non domina a deputación, xa case non controla o PP da provincia e os procesos xudiciais abertos por mor de conducir a 216km/h acabaron por provocar que cedera o control do seu feudo. O seu sucesor na deputación será un dos elixidos por Rueda, Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, e estreito colaborador seu na Consellería da Presidencia.
Rueda tamén conseguiu impoñer ao seu candidato, Luis López, como presidente da Deputación de Pontevedra, a pesar das aspiracións do PP vigués. Un candidato que chegou tras unha carambola política digna dunha novela negra xa que foi necesaria a renuncia de 16 candidatos da lista do PP de Rodeiro para que puidera chegar ao sillón provincial.
Polo momento, mantén tamén unha "entente" cordial co PP da Coruña que dirixe o seu número dous na Xunta, Diego Calvo, e ten a Lugo "neutralizada", tras o naufraxio electoral de Elena Candia, no concello e na deputación provincial. Con todo, o principal desafío que ten por diante Rueda é conseguir a súa primeira victoria electoral. Se gaña a Xunta por maioría absoluta coma antes fixeran Fraga e Feijóo, poderá seguir aumentando a súa influencia e poder en Galicia. Pola contra, se non o consigue, todo o poder acadado ata agora, quedará en nada e, é moi probable, que o PPdeG volva, novamente, aos reintos de taifas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.