Sete anos de cárcere para un home que violou a unha anciá que o acollera na súa casa

A vítima sufrira tempo antes un derrame cerebral, estaba moi delgada, presentaba signos de desnutrición e tiña unha deterioración cognitiva leve.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/07/2023 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a sete anos de cárcere a un home de 55 anos que, en xaneiro de 2020, violou a unha muller de 75 anos que por caridade o tiña acollido na súa vivenda. O tribunal considerouno autor dun delito de abuso sexual con penetración, agravado por razón de convivencia.

Na sentenza, as maxistradas da sección cuarta entenden que durante o xuízo quedou probado que o acusado, na noite do 30 de xaneiro de 2020, aproveitándose da situación de convivencia e sendo consciente da importante diferenza de idade entre ambos e da delgadez que presentaba aquela por desnutrición, dirixiuse ao dormitorio da muller e violouna.

A vítima sufrira tempo antes un derrame cerebral, estaba moi delgada, presentaba signos de desnutrición e tiña unha deterioración cognitiva leve. A denunciante faleceu por causas alleas a estes feitos, en xuño de 2022, pero a súa declaración prestada durante a fase de instrución desta causa reproduciuse durante a vista oral.

O fallo xudicial recolle que no testemuño sobre a agresión sexual en contra da súa vontade, a vítima mantívose "firme, clara e sen contradición". Ademais, chama a atención sobre a frase que, segundo relata díxolle o procesado: "Imos facer unha cosita moi rica", que a muller referiu tanto á Garda Civil como ás testemuñas as que lle contou o que lle sucedeu, en particular, á Traballadora Social".

Ademais a Garda Civil de Cambados recolleu unha saba, unha manta e unha funda de almofada da habitación da vítima na que apareceu seme do acusado. A sentenza destaca que todo o acervo probatorio corrobora o testemuño ofrecido no seu día pola vítima e subliña que, "fronte a toda a proba exposta, o procesado limitouse a negar os feitos". Ademais da condena de sete anos de prisión imponse a medida de liberdade vixiada, que se executará con posterioridade á pena privativa de liberdade, por un período de cinco anos.

Audiencia Provincial de Pontevedra
Audiencia Provincial de Pontevedra | Fonte: Confilegal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta