Revenidas Miúdo: un festival diúrno para conquistar ao público infantil

O Revenidas segue a medrar en diversificación de propostas festivaleiras. Nesta ocasión faino coa celebración da primeira edición do 'Revenidas Miúdo', evento que contará cunha escollida programación de música infantil e artes escénicas galegas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/07/2023 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

No apartado artístico o Revenidas Miúdo contará con cinco das propostas galegas máis destacadas no ámbito dos espectáculos dirixidos ao público familiar, como son Uxía Lambona e a Banda Molona, Peter Punk, Pakolas, Paco Nogueiras e Cé Orquestra Pantasma. Ademais destas actuacións, ao longo da xornada realizaranse diversos obradoiros, non faltarán os xogos populares e haberá outras sorpresas.

'Uxía Lambona e a Banda Molona' en concerto. Foto: XMF
'Uxía Lambona e a Banda Molona' en concerto. Foto: XMF

Este festival nace cun espírito de romaría diúrna de carácter familiar e celebrarase o domingo 16 de xullo, entre as 12 e as 19 horas. Terá por escenario un espazo tan simbólico para o Xacobeo como é o complexo e albergue do Monte do Gozo, lugar que conta con instalacións hostaleiras e zonas de restauración así como piscinas públicas para o desfrute dos nenos e nenas e dos non tan nenos nin nenas. A entrada será de balde.

O Revenidas Miúdo conta coa colaboración da Xunta de Galicia-Turismo de Galicia e a empresa Deleite. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta