Un canón de bronce do século XVI, nova incorporación para o Museo Naval de Ferrol

O canón de bronce quedou instalado na Sala 2 do Museo Naval de Ferrol.

Por E.P. | Santiago | 11/07/2023 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

O Museo Naval de Ferrol incorporou un canón do século XVI recuperado pola Unidade de Mergullo da Armada (UBUFER) na zona norte da Enseada de Mugardos, na ría de Ferrol, en novembro de 2020.

Diso informou este martes a Armada nun comunicado, no que lembra que o proceso de rescate do canón fíxose coa autorización do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia, conforme ao Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico Mergullado que a Armada ten establecido.

Deste xeito, tras unha rigorosa limpeza e restauración por parte da Xunta, a peza de bronce (canón ou sacre do S. XVI) foi entregada á Armada para a súa instalación permanente no Museo Naval de Ferrol, onde a partir de agora, pasa a formar parte da súa Colección de Fondos.

No Acto de Entrega, celebrado o luns, participaron a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez Ínsua, e o director do Museo Naval de Ferrol, o capitán de navío-enxeñeiro Santiago García Fernández, que asinaron a acta correspondente, entre outras autoridades.

Coñécese como "sacre" á peza de artillaría, que era un cuarto de culebrina e tiraba balas de 4 a 6 libras. Servía tanto para artillar navíos como para terra. O canón de bronce quedou instalado na Sala 2 do Museo Naval de Ferrol.

A Xunta e a Armada colaboraron na extracción dun canón de bronce do século XVI na enseada de Mugardos.. XUNTA
A Xunta e a Armada colaboraron na extracción dun canón de bronce do século XVI na enseada de Mugardos.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta