Galicia sen bombeiros comarcais en plena tempada de incendios

Pechado o parque comarcal do Carballiño e só dous bombeiros nos de Valdeorras, Xinzo e Verín. Os profesionais anuncian folgas e protestas. "Isto é un desastre ás portas da época do lume", advirten. A Xunta asegura que a responsabilidade é das deputacións, e a deputación, da Xunta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/07/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia está en plena época de lumes e, aínda que o tempo non é tan cálido nin seco como anos anteriores, xa se están producindo os primeiros grandes incendios do verán. E, a pesar disto, a situación dos parques comarcais de bombeiros de Galicia é de "vergoña" e "auténtica" desidia, segundo denuncian profesionais e centrais sindicais.

Un grupo de bombeiros de consorcios provinciais suxeitan pancartas durante unha protesta ante a sede da Xunta, a 23 de maio de 2023, en Lugo, Galicia (España). Os bombeiros de consorcios provinciais maniféstanse en Lugo en defensa de melloras laborale. Carlos Castro - Europa Press
Un grupo de bombeiros de consorcios provinciais suxeitan pancartas durante unha protesta ante a sede da Xunta, a 23 de maio de 2023, en Lugo, Galicia (España). Os bombeiros de consorcios provinciais maniféstanse en Lugo en defensa de melloras laborale. Carlos Castro - Europa Press

Non hai semana na que non haxa incidencias en distintos parques. Este mesmo martes pechaba pola tarde o do Carballiño por falla de profesionais e nos de Valdeorras, Xinzo e Verín só había dous bombeiros. Son parques, ademais, situados en zonas de alta incidencia incendiaria. 

Xa son varias ocasións en que hai parques comarcais con menos de tres efectivos, como marca a lei. Así non só en Valdeorras, senón tamén, especialmente, nos parques comarcais do Carballiño, Xinzo de Limia e Verín, onde a situación se repite a cotío.  En moitos deles hai bombeiros de baixa ou de vacacións cuxa baixa non é cuberta e, nalgúns deles, como o de Verín están ao mando dun cabo.  Renunciaron os últimos dous directores técnicos do Consorcio, e o Xerente do Consorcio está de baixa. A maiores está o sarxento xefe de parque de baixa. 

"Levamos mes e medio cuestionando situacións como estas, que aínda que non son provocadas, tampouco son solucionadas polos responsables do Consorcio, quenes non están a ser quen de resolver esta situación, polo que censuramos a súa pasividade, ao non garantir a prestación dun servizo esencial, pasividade que pode, de ser o caso, poñer en risco tanto á cidadanía", denuncian desde o sindicato USO.

"ISTO É UN DESASTRE"

"A situación é tal que hai compañeiros de baixa que non teñen o parte de baixa oficial porque non hai quen llelo dea porque por arriba están todos de baixa. E a mútua, claro, non se quere mollar", destaca un bombeiro a Galicia Confidencial. "Isto é un desastre ás portas da época do lume. Aquí podemos marchar os que estamos que ninguén se vai enterar", critica ante a pasividade dos mandos ou coordinadores que, nalgúns casos, ou están de baixa ou o seu posto non foi cuberto.

Un grupo de bombeiros de consorcios provinciais durante unha protesta ante a sede da Xunta
Un grupo de bombeiros de consorcios provinciais durante unha protesta ante a sede da Xunta | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

É por iso que a maior parte deles están en folga. Unha protesta que leva xa máis dun mes e que os levará a manifestarnos polas rúas de Santiago de Compostela este xoves 13 de xullo para visibilizar a súa situación. "Estamos aquí polo trato insultante que as administracións teñen cara nós e cara aos cidadáns aos que teñen que protexer", denuncia o comité de folga no que están integrados CIG, UGT, CC.OO., USO, SIGGAL e CSIC. 

"Esqueceron o Servizo tan esencial que prestamos tódolos bombeiros e bombeiras.

Dende que comezou a Folga a única medida que se tomou por parte dos traballadores foi a de non facer horas extraordinarias de carácter voluntario para demostrar que o servizo se presta pola vontade dos traballadores e non pola nula organización nin previsión de quen debe velar por que o servizo se preste da mellor maneira", engade.

 

Unha medida que demostrou o "servizo en precario" que prestan as administracións tendo que cerrar dez parques durante un día de garda en escasos 26 dias de folga. Os órganos de goberno dos Consorcios dos que dependen estes profesionais, están formados por Xunta e deputacións. "Vimos dun sistema de xestión privatizado, que logo de máis de 20 anos de privatización, decidiuse pasar a xestión directa coa premisa de que as condicións que arrastrábamos das empresas privadas se mantiveran. Recentemente os Consorcios mostraron a súa intención de perpetuar e soster de xeito indefinido esas condicións abusivas das empresas privadas que lonxe de mellorar, empeoran día tras día", indica o comité de folga.

 

Os profesionais de loita contra os incendios queren que se faga unha valoración de postos de

traballo xusta e un convenio autonómico que recoñeza adecuadamente o seu traballo. Condicións que, polo momento, están moi lonxe de ser conseguidas.

 

A POSTURA DA XUNTA E DEPUTACIÓNS

 

Nin Xunta, nin deputacións queren abordar seriamente unha problemática da que unha institución responsabiliza á outra. Galicia Confidencial quixo coñecer a súa opinión ao respecto pero as deputacións insisten que a responsabilidade é da Xunta. E o Goberno galego, pola súa banda, suliña que prestación do servizo contraincendios corresponde ás administracións locais, -concellos e deputacións provicinciais- e que ela só  asume o 50% do financiamento. 

 

En virtude do establecido na Lei 5/97, do 22 de xullo, da Administración Local, a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial respectiva e os Concellos que forman parte da Comarca teñen que integrarse nun Consorcio, requisito obrigatorio previo ás fases de construción, equipamento e posteriormente de implantación (funcionamento) dos parques. Deste xeito, os parques serán titularidade dun consorcio participado por todos os Concellos integrantes da Comarca, Deputación Provincial correspondente e a Xunta de Galicia.

 

Pero, desde a Xunta prefiren non asumir responsabilidades. Sobre a súa problemática laboral, fontes da Vicepresidencia Primeira e Consellería da Presidencia aseguran a GC que, xunto coas Deputacións provinciais, a Xunta estivo e está a negociar cos bombeiros nos consorcios provinciais co obxectivo de acadar acordo axeitado para todas as partes. "De feito acadárase un acordo cos comités de empresa dos consorcios de Pontevedra e Lugo, posteriormente rexeitado polos traballadores en asemblea", indican. Actualmente, no consorcio da Coruña estase a negociar cos representantes de traballadores e no consorcio de Ourense estase a implementar o cambio de modelo, que implica a consolidación laboral dos traballadores no consorcio.

"Desde a Xunta mantense que a fixeza do persoal se realice cun procedemento coas garantías legais necesarias, tal e como se acordou coas deputacións provinciais e a través de convenios que recollan as condicións da subrogación do persoal das empresas que prestaban ese servizo. En todo caso, é responsabilidade dos propios consorcios toda a xestión e a toma de acordos", conclúen desde o Goberno galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta