O debate electoral da CRTVG xa ten data, este venres ás 10 da mañá

Os encargados de representar ás formacións serán Miguel Tellado do PP, José Miñones do PSOE, Marta Lois de Sumar e Néstor Rego do BNG.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/07/2023 | Actualizada ás 16:31

Comparte esta noticia

A CRTVG programou para este venres ás 10:00 horas un debate electoral central no que participarán os candidatos ao Congreso pola provincia da Coruña das catro formacións que actualmente teñen representación: Miguel Tellado  do PP, José Miñones do PSOE, Marta Lois de Sumar e Néstor Rego do BNG.

O moderador será o xornalista Luís Ojea, será retransmitido en directo e durará unha hora de 10 a 11 da mañá. Poderá seguirse en todos os medios da CRTVG: Televisión de Galicia, Radio Galega e canle dixital g24.gal, así como poderase volver ver na G2 ás 22:45 horas dese mesmo día, emisión na que se incorporará a interpretación en lingua de signos.

Os bloques de debate acordados no plan de cobertura son: a situación política actual, gobernación e modelo de Estado, políticas sociais e atención á cidadanía, e un terceiro sobre economía, industria, infraestruturas e fiscalidade.

ENTREVISTAS

Ademais, a próxima semana a CRTVG realizará entrevistas individuais aos catro candidatos. As datas serán, BNG, luns 17 de xuño; Sumar Galicia, martes 18; PSdeG-PSOE, o mércores 19; e o PP, o xoves 20. Todas elas terán lugar ás 8:30 horas da mañá e poderanse escoitar na Radio Galega e tamén a través da web. A CRTVG explica que as datas, horarios e tempos destas entrevistas establecéronse segundo o criterio de proporcionalidade con respecto aos resultados das últimas eleccións.

O ente público lembra que a estas coberturas hai que sumar o despregamento informativo o propio domingo 23 de xullo, con cobertura nos distintos servizos informativos da TVG, con dous adiantos informativos, un ao mediodía e outro pola tarde, e un programa especial, de máis de cinco horas de duración presentado por Marta Darriba, Marcos Sueiro e Carlos Amado.

CONEXIÓNS

Este espazo establecerá conexións coas sedes dos partidos e os principais centros de votación, ofrecerá ás 20:00 horas o resultado do tracking realizado por SigmaDos para FORTA e, unha vez pechados os colexios electorais, seguirá minuto a minuto o reconto.

A Radio Galega tamén ofrecerá toda a actualidade da xornada a través dos seus informativos dende primeira hora da mañá e cun programa especial que analizará todas as claves da cita coas urnas.

Estudio da CRTVG preparado para o debate
Estudio da CRTVG preparado para o debate | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta