Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2023 | Actualizada ás 18:29
A CIG considera que o acordo pesqueiro con Marrocos que vén de expirar "foi unha fraude absoluta, non só a nivel de pesca, senón tamén a nivel xurídico", xa que "a propia xustiza da UE declarouno ilegal por afectar a augas do Sahara Occidental sobre as que Marrocos non ten competencias territoriais".
Por iso, a central sindical instou a negociar un novo pacto coa Fronte Polisario, para "respectar os intereses e a soberanía do pobo saharauí" e permitir á frota galega "regresar a unhas augas nas que faenou historicamente".
Segundo dixo o responsable de Mar da CIG, Xabier Aboi, no últimos catro anos "nin un só barco galego pescou na zona delimitada polo acordo". "De feito, dos 135 barcos que podían faenar nesa área, 95 correspondían ao Estado español, pero só traballaron alí, no mellor dos casos, 11 embarcacións de Arrecife, Barbate e Conil, e varias destas non chegaron aos 20 días en tres anos, segundo os datos do propio ministerio", dixo.
Para a CIG, este protocolo pesqueiro "só serviu para pagarlle máis de 55 millóns de euros ao Reino de Marrocos e ofrecerlle facilidades para desenvolver outros negocios como o agrícola e investimentos de carácter xeopolítico, estratéxico e militar".
Aboi critica, ademais, que aos barcos galegos que historicamente pescaban nestas augas do Sahara "déronlle unha licenza inservible porque non podían coller ningunha especie" economicamente rendible.
O representante da CIG considera que "os únicos que fixeron negocio, á parte do rendemento político e económico obtido por Marrocos, foron os grandes barcos pelágicos do norte de Europa", concretamente Holanda ou os países do Báltico.
CRÍTICAS A BRUXELAS
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, insistiu en solicitar que as decisións sobre a pesca que se tomen a nivel europeo non deberían ser "exaxeradamente medioambientalistas". Así o sinalou tras reunirse este martes en Vigo co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, a quen lle agradeceu o seu apoio ante as reivindicacións da Xunta respecto diso.
En declaracións aos medios de comunicación tras preto dunha hora de encontro, Villares puxo sobre a mesa a importancia de ter en conta aspectos socioeconómicos á hora de tomar medidas en relación ao sector pesqueiro.
Tamén se referiu a o cume informal de ministros de Pesca da Unión Europea celebrada estes días en Vigo, indicando que o Goberno central trouxo a Galicia o "cabalo de Troia", xa que "parece" que non vai haber fondos para a construción de buques máis eficientes e as declaracións do comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, Virginijus Sinkevicius, "tamén van na liña de seguir atacando ao sector".
Villares destacou que só un 30% do peixe que se consome en Europa é capturado por barcos comunitarios, polo que criticou que se sigan introducindo estas medidas cando no continente péscase de forma máis respectuosa co medioambiente que no resto de terceiros países. O titular de Mar tamén volveu a solicitar unha baixada do IVE aos produtos pesqueiros e agradeceu a Karleskind o seu apoio ás reclamacións da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.