O FIC Vía XIV de Verín presenta cartel e implica ao comercio local

A imaxe gráfica deste ano é obra de Jorge Godás, responsable de Creatividade e Multimedia do certame que terá lugar entre o 8 e o 17 de setembro. A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín sortearán entradas e os comercios asociados participarán nun concurso de decoración de escaparates.

Por Galicia Confidencial | Verín | 20/07/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O pasado 15 de xullo foi presentada a obra gráfica que será a imaxe do FIC 2023. O cartel é de Jorge Godás, está inspirado na película británica Brazil, de Terry Gillian, e ofrece unha crítica á intelixencia artificial seguindo o universo distópico que propón o filme. En palabras do creador intelectual, "ante o control absoluto, só nos queda loitar pola imaxinación e a liberdade de pensamento nun mundo que podería resultar opresivo".

Presentación cartel FIC 2023. Foto: Prensa Festival.
Presentación cartel FIC 2023. Foto: Prensa Festival.

Na presentación estivo a concelleira de Cultura de Verín, Samanta Barreira, xunto ao director do festival, Carlos Montero, o responsable de Creatividade e Multimedia do certame --e autor do deseño gráfico--, Jorge Godás, e o director de Produción, Álex Nieves. Respecto da obra, Carlos Montero dixo, entre outras cousas, que o cartel pretende criticar "os fallos e a deshumanización da modernidade".

IMPLICACIÓN DO COMERCIO LOCAL

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Verín, Aever, apoiará de novo o desenvolvemento do FIC Vía XIV propoñendo, como en anos anteriores, a posta en marcha dun concurso que anime aos seus establecementos da vila a decorar os seus escaparates con motivos relacionados coa sétima arte.

Os tres mellores escaparates serán premiados con 150, 75 e 50 euros respectivamente e os establecementos distinguidos polo xurado daranse a coñecer no decurso da semana do certame. Os premios non poderán ser acumulables a un mesmo comercio.

Aever animando á participación. Foto: Prensa FIC Vía XIV.
Aever animando á participación. Foto: Prensa FIC Vía XIV.

Xunto a isto, Aever vai sortear entre todos aqueles que realicen compras na súa rede de establecementos entradas para o espectáculo que o actor Pepe Viyuela ofrecerá no Auditorio na xornada do 9 de setembro, as 20:00 horas: Encerrona.

Para optar a gañar un dos tickets gratuítos só hai que realizar unha compra en calquera dos establecementos da asociación e cubrir unha ficha cos datos de contacto daquel que participa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta