Persoas con trastorno mental severo insertaranse laboralmente cun proxecto pioneiro en Galicia

"Teñen moitas dificultades para poder normalizar a súa vida" e, de feito, só un de cada 10 conta con traballo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/07/2023 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

Favorecer a inserción social das persoas con enfermidade mental severa a través da súa inserción laboral e eliminar o estigma que afecta de maneira especial a este colectivo son os obxectivos prioritarios do proxecto 'Capacitad@amente', posto en marcha pola Consellería de Sanidade e Cegasal, co apoio de Janssen, para formar e favorecer a práctica profesional de persoas afectadas por estas doenzas co seguimento e o apoio dos seus facultativos.

O proxecto, que arrincará a finais deste ano na área sanitaria da Coruña, conta con persoas con enfermidade mental severa que están a ser tratadas desde os servizos de psiquiatría do Sergas. Participarán nunha formación teórica adaptada ás súas necesidades para mellorar a súa empregabilidade, ao que seguirán unhas prácticas en centros especiais de emprego. Todo o proceso, segundo explicou unha das responsables do proxecto, María Tajes, farase respectando os tempos destes pacientes, adaptándoo ás súas necesidades asistenciais, implicando ás familias e acompañándoos de forma "intensiva".

Os seleccionados --entre 10 e 12 na primeira fase-- participarán nunha formación eminentemente práctica nos centros de Cegasal, que ocupará unhas 30 horas e, posteriormente, realizarán prácticas por entre 80 a 100 horas en entidades colaboradoras. Carlos Ventoso, xefe de psiquiatría do CHUAC e tamén responsable do proxecto, apuntou que a idea inicial é arrincar o piloto a partir do mes de setembro. Unha vez que se avalíe, estenderíase ás demais áreas sanitarias.

PACIENTES "MOI VULNERABLES"

Na súa intervención, Ventoso explicou que se trata de "un dos colectivos máis vulnerables" a nivel social, dado que as enfermidades mentais severas habitualmente afectan a persoas desde unha idade temperá e teñen incidencia en "toda a súa vida".  Estes pacientes, dixo, "teñen moitas dificultades para poder normalizar a súa vida" e, de feito, só un de cada 10 conta con traballo. "Son o sector da discapacidade con menor nivel de inclusión social e laboral", lamentou María Tajes.

Ademais das dificultades para adaptarse a un posto, ou do illamento que sofren, os expertos incidiron en cuestións como o estigma que lles rodea ou as particularidades das súas necesidades á hora de ocupar un posto de traballo, como o "uso frecuente dos servizos hospitalarios".

Presentacion do programa 'Capacitadamente', da Consellería de Sanidade e Cegasal.
Presentacion do programa 'Capacitadamente', da Consellería de Sanidade e Cegasal. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta