'Little Galicia', un protagonista do Obra

Fran Grela, delegado do Rio Natura Monbus, comparte protagonismo con Gustavo Salmerón e Mabel Rivera na primeira película para o cine de Alber Ponte, que hoxe se estrea nas pantallas galegas.

Por gcdeportes | Compostela | 17/04/2015 | Actualizada ás 08:23

Comparte esta noticia

Durante tres semanas, durante tres partidos, na tempada 2013-14, o Obradoiro quedou sen o seu delegado titular. Levaba meses Fran Grela, nas viaxes do equipo compostelán pola ACB, estudando o guión de Little Galicia. E a rodaxe da primeira película para o cine de Alber Ponte levouno, do 11 de novembro ao 3 de decembro de 2013, a Nova Iorque. O club non puxo ningún reparo, e Fran Grela viaxou a Manhattan co resto do equipo para cumprir coa súa outra paixón. A miles de quilómetros, entre cámaras, vía internet, seguía os partidos do Obra.

Fran Grela, durante a rodaxe da película en Nova Iorque.
Fran Grela, durante a rodaxe da película en Nova Iorque.

Por fin, Little Galicia, un proxecto de moitos anos do incombustible Alber Ponte, chega hoxe á gran pantalla, protagonizada por Gustavo Salmerón, Fran Grela, Mabel Rivera e Jose Ángel Egido. A comunidade galega de Nova Jersey e o seu Little Galicia foron o xerme que inspiraron a Alber Ponte alá polo 2007. Malia que a vida dos galegos no exterior está presente, a película trata, segundo o seu director, do orgullo, do desarraigamento ou da necesidade de crer nos soños para gañar as batallas do día a día.

Despois de curtirse en cortometraxes, teatro e series de televisión, en Little Galicia Fran Grela disfrutou co papel protagonista xunto a Gustavo Salmerón. Alber Ponte quedou encantado do traballo de ámbolos dous, e augura a súa candidatura para os premios Goya. Agardando por novos proxectos no cine, Fran Grela, de 43 anos, segue coa súa outra paixón, o básquet, a carón do seu amigo Moncho Fernández, a quen coñece dende os 14 anos. Esta fin de semana, coincidindo coa estrea da película, descansa o Rio Natura Monbus Obradoiro. A vindeira, o domingo 26, viaxe a Madrid para xogar co Estudiantes (18.30 horas).

Alber Ponte e Fran Grela, con Manhattan ao lonxe.
Alber Ponte e Fran Grela, con Manhattan ao lonxe.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ty6j

Todo moi Little "Galicia" pero pinta unha españolada do carallo.