Caballero comeza a perfilarse para liderar ao PSdeG nas autonómicas: pide á dirección actual "reflexionar" sobre "a mellor opción" para o partido

Alerta do "baleiro de liderado" e os malos resultados xerados por unha "estratexia conxunta" que atribúe a Formoso e Besteiro, un dos nomes que máis soa, precisamente, como posible aspirante socialista á Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2023 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O exsecretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero continuará e reforzará en agosto, xa con data para a elección do candidato á Xunta (17 de setembro) encima da mesa, o proceso de escoita que iniciou cos seus compañeiros e compañeiras de partido, aínda que afirma que non lle interesa "unha batalla orgánica polo mero feito de dala" e que a dirección actual debería "reflexionar" sobre cal é "a mellor opción" para o partido.

"Ninguén busca unha batalla orgánica en si mesma, senón que se trata de elixir a mellor opción do PSdeG para dar aos galegos unha alternativa forte desde a esquerda", aseverou o tamén deputado socialista, quen non avanza, por agora, se se presentará ao proceso de primarias. En declaracións a Europa Press, alegou que as primarias son "un instrumento", pero ve necesaria "unha reorientación" máis profunda.

Neste sentido, volveu a analizar os resultados dos socialistas galegos, "en retroceso" nos dous últimos procesos electorais (municipais e xerais). Fronte á "alza de apoios" que, lembra, experimentou a formación cando el a dirixía, produciuse "un baleiro de liderado" e unha tendencia electoral negativa que atribúe a unha "estratexia conxunta" do actual líder do partido, Valentín González Formoso, e de José Ramón Gómez Besteiro, un dos nomes que máis soa, precisamente, como posible aspirante socialista á Xunta. Para Caballero, a tendencia é unha "alerta" evidente que debería facer "reflexionar" e "reorientar" o rumbo á dirección autonómica.

"A DISPOSICIÓN DO PARTIDO"

Neste sentido, aínda sen avanzar ningún paso concreto para as primarias, admitiu que prevé ampliar e reforzar o seu proceso de escoita á militancia en toda Galicia. Defendeu que non é "un político profesional", pero quere ser "útil" e está "a disposición" da súa formación co obxectivo de reforzala como "un partido de esquerdas, galeguista, feminista e ecoloxista". Tamén considera que hai que "fortalecer" o grupo parlamentario en oposición ao PP, e articular os mellores equipos afastándose de actitudes "sectarias".

Pola súa banda, afirma que falar con compañeiros reafírmalle o "apoio" de moitos deles; e atópase "con forza e ilusión". Por iso, continuará o diálogo, á vez que reta á cúpula do seu partido a "reflexionar" para perfilar a vía que poida ofrecer unha "mellor" alternativa aos populares de face ás autonómicas.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, intervén no Debate sobre o Estado da Autonomía
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, intervén no Debate sobre o Estado da Autonomía | Fonte: ÁLVARO BALLESTEROS

A VICEPORTAVOZ PARLAMENTARIA RESTA IMPORTANCIA A ESTAS DECLARACIÓNS

A viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Begoña Rodríguez Rumbo, reduciu as opinións do ex secretario xeral do PSdeG ás de "un militante máis". "Todos temos opinións diversas", dixo Rodríguez Rumbo a preguntas da prensa este luns, polo que "el é un militante mais e, por tanto, pode facer unha opinión como calquero outro militante".

Cuestionada sobre se José Ramón Gómez Besteiro debe dar un paso adiante para presentarse ás primarias á Xunta, Rodríguez Rumbo, lembra que "calquera afiliado ten opción de poder presentarse" no momento no que se abran os prazos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta