Máis de cen prazas para que galegos maiores de 65 anos que leven máis de 10 anos vivindo no exterior visiten Galicia

A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta convocou 119 prazas co obxectivo de que estas persoas fortalezan os seus vínculos coa súa terra de orixe e cos seus familiares.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2023 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

A Secretaría Xeral de Emigración da Xunta convocou 119 prazas para que emigrantes maiores de 65 anos residentes en América pasen 11 días en Galicia co obxectivo de fortalecer os seus vínculos coa súa terra de orixe e cos seus familiares.

Segundo unha resolución que publica este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG), os participantes do programa Reencontros con Galicia desenvolverán entre o 9 e o 19 de outubro na residencia de tempo libre en Panxón, municipio de Nigrán, actividades socioculturais deseñadas para contribuír ao coñecemento da cultura galega e o fortalecemento dos vínculos de unión cos seus familiares e a súa terra natal.

As axudas da Xunta consistirán no financiamento do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata a comunidade galega e da estancia no centro. Terminado o prazo, poderán prorrogar a súa estancia coa súa familia 15 días; todos os gastos durante o tempo que permanezan desde que abandonen o establecemento residencial ata o embarque no aeroporto de regreso serán ao seu cargo.

Poderán ser beneficiarios deste programa as persoas emigrantes galegas con nacionalidade española con escasos recursos económicos; que residan en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez últimos anos naturais; que teñan máis de 65 anos e non participasen nos últimos cinco en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral de Emigración. Así mesmo, deberán valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir deste martes e deberán entregarse coa correspondente documentación na Secretaría Xeral de Emigración, en representacións diplomáticas e oficinas consulares no estranxeiro, o Rexistro Telemático da Xunta ou entidades colaboradoras recollidas na resolución.

A emigración galega en América
A emigración galega en América | Fonte: Galicia espallada

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta