A lei que identifica o Panteón de galegas e galegos ilustres como símbolo de Galicia entra en vigor este mércores

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2023 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

A Lei galega do Panteón de galegas e galegos ilustres, aprobada por unanimidade na Cámara autonómica a finais de xullo, no último pleno previo ao parón estival de agosto, entrará en vigor este mércores, un día despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

O boletín galego fai pública unha lei que saca do limbo xurídico ao Panteón de galegas e galegos ilustres, que será xestionado por unha fundación na que terá un papel central o Parlamento autonómico e identificarase como símbolo de Galicia.

A exposición de motivos da lei lembra que o Consello da Cultura, de acordo cos padroados das fundacións que honran a memoria das ilustres persoas enterradas en San Domingos de Bonaval, elaboraron e fixeron chegar á Cámara galega, despois do centenario do traslado dos restos mortais de Rosalía, unha proposta para a regulación do Panteón.

Tamén indica que o acordo ten como obxectivo que o Panteón desempeñe un papel vivo e activo como lugar de encontro, aprendizaxe e alento do sentir da comunidade dos galegos e galegas dentro de fose do país.

"Por estes motivos, o Parlamento de Galicia recoñece a través desta Lei ao Panteón de Galegas e Galegos Ilustres como un elemento singular da nosa identidade, procedendo a sentar os principios que regularán a súa xestión, uso e conservación", sinala o texto que configura a este espazo como "un símbolo da identidade de Galicia encargado de honrar a persoas e a feitos que representan a continuidade da singular personalidade como pobo de Galicia.

O texto subliña a necesidade da participación das institucións, tanto públicas como privadas, máis representativas do conxunto do país e da súa cultura. Ademais, indica que a forma elixida para institucionalizar o Panteón é a da Fundación pública autonómica, que garante, polo seu carácter público e vínculo ao Parlamento, a súa continuidade no tempo, a súa sustentabilidade económica e o seu carácter de símbolo compartido, á marxe de ningunha outra condición que a común pertenza o pobo galego.

O titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, preside a cerimonia de imposición das Medallas Castelao, que se celebran na Igrexa de San Domingos de Bonaval
O titular da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, preside a cerimonia de imposición das Medallas Castelao, que se celebran na Igrexa de San Domingos de Bonaval | Fonte: DAVID CABEZON @ XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta