Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2023 | Actualizada ás 16:24
A Secretaría Xeral da Emigración lembrou que mantén aberta a convocatoria das axudas ao Retorno Emprendedor que conta cun orzamento dun millón de euros e que pode chegar a supor un apoio económico de ata 10.000 euros para pór en marcha un proxecto empresarial.
Tal e como detallou o departamento autonómico nunha nota de prensa, estas axudas destínanse aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nacidos na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como obxectivo poder sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio. O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 29 de setembro.
As axudas serán de 6.000 euros, aumentable en 1.000 se a beneficiaria é muller, e outros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello do rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode chegar ata os 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, "de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así, ademais, o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia".
Este martes, Emigración quixo destacar a historia da galega retornada de Brasil Eliana Ventura, "un exemplo da importancia que estas axudas teñen para a inserción dos galegos do exterior na nosa sociedade". Así, a páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, Galiciaaberta, publica a historia desta emprendedora, que regresou a Galicia a través dunha bolsa de Excelencia Mocidade Beme desde Brasil para ampliar os seus estudos na UVigo e, posteriormente, decidiu apostar por Galicia abrindo unha academia de inglés e portugués nas Neves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.