O PP aposta polo bono social contra o problema de vivenda en Santiago en lugar de "pór máis impostos"

Tamén piden modificar a regulación urbanística para que se permita vivir en baixos comerciais, empezando primeiro polos barrios de Conxo e Santa Marta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2023 | Actualizada ás 18:56

Comparte esta noticia

O PP de Santiago denunciou este martes "as ansias recadatorias" do Goberno de Goretti Sanmartín tras propor "impor máis impostos aos propietarios de pisos" baleiros para loitar contra o problema da vivenda na cidade, algo para o que os populares apostan polo bono social.

Sanmartín dixo este luns que unha das "prioridades" do goberno local é a de "dinamizar" o "importante parque de vivenda baleira" que hai na capital galega. Neste punto, a alcaldesa está aberta a actuar sobre a fiscalidade para impulsar que os propietarios faciliten esa dinamización e mobilidade.

Para o concelleiro popular José Ramón de la Fuente, a alcaldesa é "sobradamente coñecedora" de que os inmobles baleiros "só supoñen un dos factores na carencia e subida de prezo das vivendas en Santiago". "Pero, cando non hai ideas, non queda outra que repetir como un mantra que é este o verdadeiro problema e así aproveitar para imporlles aos veciños outra labazada impositiva", engadiu.

Fronte a isto, o popular dixo ao goberno local que "se de verdade quere tomarse en serio o problema da vivenda" na capital de Galicia, "só ten que botar unha ollada ás propostas presentadas" polo portavoz do Partido Popular, Borja Verea, durante a campaña electoral, como un "programa solvente de aluguer cun bono social".

Así mesmo, os populares tamén apuntan que "hai levar a cabo a modificación da regulación urbanística, co fin de permitir vivendas en baixos comerciais, empezando primeiro polos barrios de Conxo e Santa Marta". "Todo parece indicar que, para o BNG e os seus socios, os problemas só teñen unha solución: a recadadora, ben vía imposto, vía taxa ou vía prezo público", dixo José Ramón de la Fuente.

Fachada dun edificio, a 25 de abril de 2023
Fachada dun edificio, a 25 de abril de 2023 | Fonte: David Zorrakino

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta