Investigadores manifestaranse o 18 de agosto en Santiago contra a "pésima" convocatoria de axudas á etapa predoutoral

Piden a modificación inmediata da mesma e a revisión cara a un novo modelo "máis universal, máis dotado e estable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 09/08/2023 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A asociación InvestiGal - Rede Galega pola Investigación convocou unha mobilización en San Caetano para este 18 de agosto para mostrar o seu desacordo coa actual convocatoria das axudas á etapa predoutoral convocadas pola Xunta, que consideran "unha xestión pésima" e que "parte duns atrasos intolerables e deixa fóra a moitas persoas candidatas, desatendendo ás tres universidades e aplicando criterios arbitrarios".

O obxectivo é a "modificación inmediata das bases da actual convocatoria antes da súa publicación no DOG" e "a revisión e camiño cara un novo modelo, máis universal, máis dotado e estable nas seguintes convocatorias". A asociación, explican nun comunicado, declara a etapa predoutoral como "esencial non só na formación de persoal investigador, senón ademais como motor básico do traballo investigador". Entenden ademais que a actual xestión por parte da administración "limita a capacidade para acceder a estas axudas, actuando con criterios sen base".

Outro dos puntos conflitivos é a matrícula nun programa de doutoramento. "Dita matrícula obriga a perder un ano para poder acceder a estas axudas, o que corta a actividade investigadora que xeralmente se realiza durante as etapas de master". Así, descríbena como "un criterio que se modifica para a tramitación sinxela, deixando centos de candidatos fóra, xa que dita matrícula pechou en febreiro de 2022".

Outra das cuestións é o aumento da nota media para o acceso ás axudas. "Os criterios de nota aumentan. De por si, estes non se atopan directamente relacionados coa capacidade investigadora, o que fai que noutras convocatorias homólogas non existan. Con todo, a Xunta non só os mantén, senón que os endurece. Existen formas de computar estes dentro do proceso de selección, permitindo un acceso universal a competir polas axudas", relatan.

Ante esta situación, solicitan unha revisión integral. "A aposta pola investigación faise mediante o aumento do financiamento e non a redución da formación investigadora a apenas unha cohorte en función do expediente", censuran. "Os criterios levan anos modificándose de ano a ano. Isto crea un clima de incerteza e impide axustarse ao perfil necesario, pois se descoñece cal vai ser o baremo polo que se nos valore. Debemos esixir á administración o mínimo: estabilidade, claridade e medios para poder realizar o labor investigador", insisten.

"O actual modelo é claro: ou traballamos gratis e esperamos unha compensación en próximas convocatorias, ou nos vemos obrigados a abandonar a carreira investigadora ou realizala fóra", lamentan. Definen a situación como "escandalosa", cunha "fuga de capital humano formado na Universidade Pública", e aseguran que se mobilizarán para "acabar coa situación sanguenta da investigación no país".

Investigadora do programa Iacobus
Investigadora do programa Iacobus | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta