Odie, o can viaxeiro coa súa propia conta de Instagram: "Un dos meus 'hobbies' favoritos é ser modelo"

Un dos seus donos, Fran, explica ao Galicia Confidencial que Odie é 'influencer' dende a cuna, pois "encántalle posar e cando ve unha cámara xa está lista para a foto". Ademais, tamén lle encanta viaxar, "é ver a caravana e andar de arriba para abaixo".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/04/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Hoxe por hoxe, e sen lugar a dúbidas, os vídeos que máis triunfan en redes sociais son os de animais. Para que vos fagades unha idea, entre os 55 hashtags máis usados en Tik Tok no 2022 atopábanse as palabras #dog (38), #animals (39), #pet (40), #puppy (41), #cats (42) e #petlover (43). Entón... non semella nada raro que un destes animaliños, xa sexa un can ou un gato, teña unha conta de Instagram, ou si? Aínda que as mascotas de moitos famosos como Violeta Mangrinyan (Canela) ou Natalia --ex moza de Maluma-- (Julieta) teñen a súa propia rede social, xestionada polos seus donos, claro está, en Galicia, entre a xente de a pé, isto non era algo moi común. Pero dende o Galicia Confidencial atopámonos coa conta de Odie, uncan de raza pomerania que namora a calquera coas súas fotos de viaxes polo mundo.

Odie nunha viaxe cos seus 'papis' ao Faro Roncudo, en Ponteceso
Odie nunha viaxe cos seus 'papis' ao Faro Roncudo, en Ponteceso | Fonte: Instagram @odie.pome

Fran cóntanos que Odie (@odie.pome) é un spitz pomerania de 5 aniños. "É unha raza que provén do norte de Europa, e dise que eran uns cans usados antes para tirar dos trineos, pois eran máis grande, pero fóronse facendo máis pequeniños ata que chegaron a como son hoxe en día, comezando a aparecer así no século XIX", despois de que os criadores europeos rebaixasen o seu talle durante anos e mellorasen a súa pelaxe, ata que a raza se quedou nunha cousa máis pequerrechiña, como é o caso deste canciño, unha boliña de pelo da que é moi fácil namorarse. Segundo puido informarse, "estes cans son moi protectores, cariñosos, bondadosos e moi moi avispados, sobre todo na casa, cando hai unha ou dúas persoas, é cando mellor están".

A conta de Odie en Instagram foi aberta fai aproximadamente un aniño, a súa primeira publicación data do 1 de xaneiro de 2023, cando se presentou ante a xente (os seus seguidores) posando na boda dos seus 'papis', pero tal e como nos conta Fran, o certo é que este canciño "xa era 'influencer' dende a cuna". "Encántalle posar para as fotos, cada vez que o chamas queda quieto e posa para a cámara todo o rato", confesa, asegurando que "xa viñeron gravarnos un programa de televisión e o certo é que a xente flipa con el". Tanto é así que xa vai para os 2.000 seguidores e mesmo o pasado ano entrou nun calendario da web especializada en pomerania 'elpomerania.com'. E cando era un cachorriño gañou un concurso de Kiwoko. El mesmo di nunha foto que "un dos meus 'hobbies' favoritos é ser modelo, encántame posar ante as cámaras'.

"Encántame facer escapadas de fin de semana con amigos", confesa o propio Odie nunha foto sacada en Fuentes de invierno (Asturias), lugar que recomenda moito porque "correteei moito pola neve, fixen un boneco e tireime en trineo moitas veces". Noutra foto na praia de Santa Comba (Ferrol) na que sae con todo o fuciño manchado de area asegura que "outra das miñas paixóns é a praia, xogar coa area e excavar para meter o fuciño no seu interior". Máis adiante tamén confesa nunha foto tomada en Faro Lariño (A Coruña) que "disfrutar de cada rinconciño é o que máis me gusta, e sempre cos meus 'papis', sorír todo o tempo e dar moitos mimiños". 

A ODIE ENCÁNTALLE VIAXAR EN AUTOCARAVA E DURMIR COS SEUS 'PAPIS'

Odie nunha viaxe cos seus 'papis' ao Faro de Isla Pancha, en Ribadeo
Odie nunha viaxe cos seus 'papis' ao Faro de Isla Pancha, en Ribadeo | Fonte: Instagram @odie.pome

Fran e a súa muller, Estela, teñen unha autocaravana e comparten co seu canciño a paixón de viaxar. "Compramos unha autocaravana fai tres anos, cando Odie tiña dous, e sempre que podemos escapámonos con el por aí, intentamos coller días libres para pasalos en familia e o can nunca queda só na casa, así que depende dos días que collamos quedamos por aquí por Galicia ou tratamos de escapar un pouco á zona norte de Portugal, Castela e León, Asturias ou onde poidamos a verdade", explica Fran, que asegura a Odie, como a eles, "encántalle viaxar, ve a autocaravana e xa empeza para arriba e para abaixo, preparado para saír". Ademais, no vehículo durme con eles nunha cama capuchina, "e encántalle", non é como outros cans, que indo en coche o pasan mal.

Aínda que tamén nos confesa que ás veces, á hora de planificar as viaxes, aínda resulta complicado poder ir cun canciño, porque aínda hai bastante sitios nos que non permiten cans. "Ás veces custa atopar lugares para comer ou cenar, para aloxarnos temos a sorte de que se vamos na autocaravana xa non temos ese problema", afirma. E pon o exemplo de que, "fai 15 días, estivemos pola zona de Asturias e Cantabria e iamos buscando en Internet en que lugares podía entrar Odie sen ningún problema, mirando sempre atopas". Para Fran "dá moito gusto poder ir a un restaurante e que che deixen estar co teu canciño alí", porque, obviamente, se o levas contigo é porque sabe comportarse. De feito, lembra que nunha viaxe a Comillas (Cantabria), "quedamos a comer polo centro urbán e todos os camareiros do restaurante saían afora para sacarse fotos con Odie".

NA CONTA DE ODIE TAMÉN SE RECOMENDAN LUGARES 'PET FRIENDLY'

Fran e Estela tamén teñen a súa propia conta de viaxes (@travelalwaystogetherque, a pesares de que naceu fai tan só tres anos, no 2021, coa pandemia aínda nas nosas vidas, xa conta con 12.200 seguidores. "Non viaxamos moito, pero sempre adoitamos facer dúas viaxes longas ao ano en avión e outras máis curtiñas en autocaravana aquí por España, Galicia ou Portugal", explícanos, e afirma que a conta creárona para "dar a coñecer á xente vídeos de lugares interesantes e que nos puidese preguntar por hoteis ou restaurantes ou zonas ás que queren ir". Pon o exemplo da última viaxe, na que foron a Nova York, e "moita xente nos preguntou onde se podía ir comer ben". Agora, coa conta de Odie, xa poden tamén recomendar lugares 'pet friendly' nos que entrar cos canciños.

Con todo, confesa que non sempre é fácil xestionar dúas contar, pois "ambos temos o noso traballo e non damos para tanto, as redes levan moito tempo e non podemos facer tanto". De feito, ningún deles é un profesional da fotografía. Fran comezou sacando fotos cunha Nikon e agora ten unha Sony Alpha 7 II, coa que grava vídeos tamén para YouTube, pero a pesares de que ten amigos que si son fotógrafos, el é totalmente autodidactada, edita e fai el todo. Ao final, cando as cousas se fan con amor, todo queda moito máis bonito. E o que non se pode negar é que nesta familia conformada por Fran, Estela e Odie, o amor sobra.

Odie nunha viaxe cos seus 'papis' á Illa de Arousa
Odie nunha viaxe cos seus 'papis' á Illa de Arousa | Fonte: Instagram @odie.pome
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta