O TSXG avala a condena a unha empresa galega ao vulnerar o dereito á conciliación

Á empregada foille denegada a posibilidade de fraccionar ás vacacións en tres a pesar de alegar "problemas persoais".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/08/2023 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena imposta a unha empresa galega que denegou a unha empregada fraccionar as súas vacacións en tres períodos para atender unha cita médica do seu fillo. En concreto, o alto tribunal galego considera que se vulnerou o dereito fundamental da muller á conciliación da vida persoal e laboral de forma non xustificada e avalou que a compañía a indemnice con 3.000 euros polos danos morais ocasionados.

Os feitos, segundo recolle o fallo, remóntanse ao ano 2022, cando a muller enviou un correo electrónico á súa supervisora pedíndolle fraccionar en tres partes as súas vacacións dese ano. A superior contestoulle alegando que debía cinguirse ao disposto no convenio colectivo, que establece que as vacacións poderán ser divididas en dúas quincenas. Aínda que a muller reiterou a súa petición alegando "problemas persoais", foille denegada de novo.

A sentenza recolle que o motivo desta petición é a enfermidade que padece o fillo da demandante, que o obrigaba a asistir con frecuencia ao médico. De feito, apunta, tiña unha consulta hospitalaria en Asturias en setembro e ese mesmo mes foi operado.

O CONVENIO NON O IMPIDE

Tal e como recolle o fallo, o convenio colectivo de aplicación á traballadora, de axuda a domicilio, "non impide" o fraccionamento dos períodos vacacionais, se non que establece que deben gozarse nun período de 30 días ou dous de 15 de forma xeral, "excepto acordo entre a empresa e as persoas traballadoras".

Consecuentemente, critica que non se chegase a este acordo tendo en conta que a denunciante "demostrou as razóns ou necesidades de conciliación reais", mentres que a empresa "nada probou acerca das dificultades para conceder o fraccionamento baseadas nas súas necesidades produtivas ou organizativas".

Ademais, o tribunal apunta que esta opción de fraccionamento xa fora concedida a outra traballadora e que tanto á coordinadora como á axudante de coordinación "permíteselles fraccionar as súas vacacións en máis de dous períodos porque se substitúen entre elas".

Sala para xuízos con tribunal do xurado na Audiencia da Coruña
Sala para xuízos con tribunal do xurado na Audiencia da Coruña | Fonte: TSXG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta