Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2023 | Actualizada ás 11:09
O Diario Oficial de Galicia publica este venres o programa de cooperación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, que destina 8,5 millóns á contratación de persoas sen emprego por parte de entidades sen ánimo de lucro.
Mediante esta iniciativa, a Xunta estima que se poderán contratar unhas 490 persoas desempregadas en 180 entidades adscritas como de iniciativa social. Terán un mes desde este venres para solicitar as axudas.
Estes apoios buscan incentivar as oportunidades laborais das persoas desempregadas a través da adquisición de experiencia profesional, promovendo, así mesmo, a inserción no sector dos servizos sociais. A Xunta estima que cada unha das entidades beneficiarias na convocatoria deste ano recibirá como media un importe de máis de 47.200 euros, 17.300 por traballador contratado.
Para beneficiarse destas axudas, as entidades deben de ter como principal actividade a promoción de accións específicas destinadas a axudar a colectivos que contan con máis dificultades para atopar un emprego, como as persoas en risco de exclusión social, con discapacidade, mulleres ou vítimas de violencia de xénero. A contratación ten que ser a tempo completo durante 9 meses, ou a tempo parcial durante 12.
Como en edicións anteriores, darase prioridade ás entidades que desenvolvan proxectos singulares. Do total de 8,5 millóns, tres serán para a contratación de persoas desempregadas nos denominados 'proxectos singulares', desenvolvidos por entidades que prestan servizos a outras, a colectivos con máis dunha área de actuación a nivel autonómico ou con máis de 100 profesionais nos seus persoais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.