A Festa da Empanada: gastronomía, deporte e música en Allariz

Está programada para os días 18, 19 e 20 de agosto. Aínda que a protagonista do evento é un dos produtos máis nosos, haberá espazo para os xogos populares, o deporte e as actuacións musicais. O domingo terá lugar un concurso de elaboración de empanadas para 'amateurs' e para profesionais.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 12/08/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Festa da Empanada é xa unha cita consolidada na programación anual de eventos dinamizadores da economía local de Allariz que atrae neste mes de agosto a numerosos turistas e visitantes. Ademais do amplo programa que se presenta este ano, co gallo da celebración os establecementos de hostalería, panaderías e pastelerías poñerán á venda unha variada oferta de empanadas.

Empanadas concurso Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Empanadas concurso Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

O programa comeza o venres 18 co Campionato de Billarda. Pola mañá será a quenda da Billarda Infantil a partir das 11:00 h. e pola tarde a final da Billarda Senior que comezará ás 19:00 h.  "A billarda é un xogo tradicional do que nunca se perdeu a tradición en Allariz e que segue captando adeptos ano tras ano entre as xeracións máis novas", comentan dende o concello.

O sábado 19 de agosto será o día no que se celebre a XXXI edición do Triatlón Vila de Allariz a partir das 18:00 h. na Alameda. Dende a organización falan de 150 deportistas federados inscritos para competir na proba alaricana que neste ano cumpre 31 edicións.

Nesta mesma xornada, e a partir das 21:00 h. a empanada será xa protagonista coas Xornadas Gastronómicas de degustación deste produto nacional popular nos Xardíns do Museo do Coiro. A música chegará ás 22:00 co concerto de Catuxa Salom e ás 00:00 h. cos Monolious DOP.

O domingo día 20 ás 11:00 h. da mañá pasarrúas a cargo da Banda Unión Musical de Allariz e comezo da XXXIII Regata de Piragüismo, liga provincial-Copa Deputación dende o embarcadoiro da Alameda.

Presentación da Festa da Empanada 2023. Foto: Concello de Allariz.
Presentación da Festa da Empanada 2023. Foto: Concello de Allariz.

Dende as 11:30 h. haberá unha Festa Campestre no Campo de Vilanova e ás 12:00 h. será a quenda do tradicional desfile de xigantes e cabezudos acompañados do grupo de gaitas De Pé Feito cun percorrido dende a Praza de Abastos ata o devandito Campo de Vilanova.

CONCURSO DE EMPANADAS E FIN DE FESTA

Como segundo ano consecutivo o Concello de Allariz busca a mellor empanada. E con ese obxectivo celebran o II concurso de empanadas tanto amateur como profesional con 500€ en premios para gastar no comercio local. Para participar cómpre consultar as bases en www.allariz.gal/festadaempanada ter máis de 16 anos e inscribirse en participa@allariz.gal O certame desenvolverase ás 12:30 h. 

A inscrición é de balde e poderase formalizar ata o 18 de agosto ás 14:00 h. O propio 20 de agosto, domingo da Festa da Empanada, deberase entregar a empanada á organización así como a receita da mesma e os datos persoais para que o xurado poda xulgar entre os participantes de forma anónima.

A mellor empanada Profesional recibirá un distintivo de Mellor empanada de Allariz e a mellor empanada amateur terá premios de 300 €,100 € e 100 € respectivamente para gastar no comercio e hostalería local.

A continuación do concurso a Banda Unión Musical de Allariz volverá a animar a festa.

Xa pola tarde, ás 18:00 h. será a presentación do C.D Allariz cun partido contra o Verín C.F. no campo do Seixo. A partir das 19:30 h. volverá a música da man de A Banda da Loba no Campo de Vilanova e pouco despois baile popular ás 21:00 h. e verbena a partir das 00.00 h. nos Xardíns do Museo do Coiro coa Orquestra Trebol. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta