Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2023 | Actualizada ás 17:06
A Xunta convocou os premios educativos Innovagal, aos que se poderán presentar candidaturas ata o próximo día 6 de outubro. O obxectivo destes galardóns é recoñecer o labor de centros coa innovación educativa ao desenvolver enfoques didácticos que buscan abordar as necesidades particulares do seu alumnado.
Segundo a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, esta iniciativa supón tamén o recoñecemento e difusión de boas prácticas que serven para ofrecer novos referentes a toda a comunidade educativa.
A convocatoria establece dúas categorías de participación, unha para escolas de Educación Infantil, colexios rurais agrupados, centros de Educación Especial, colexios de Educación Infantil e Primaria e colexios de Educación primaria; e outra, para centros públicos integrados, institutos de Educación Secundaria e centros de educación e promoción de adultos, todos eles centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Cada centro presentará unha única solicitude, na que poderán incluír todo tipo de iniciativas innovadoras desenvolvidas nos últimos cinco cursos escolares. Outorgaranse tres premios e unha mención de honra por cada categoría cos seguintes importes: 10.000 euros para o primeiro; 6.000 para o segundo; e 3.000 euros para o terceiro, ademais de 1.000 euros para a mención de honra.
Ademais da dotación económica do premio, os centros premiados nesta convocatoria recibirán o distintivo de Centro educativo Innovagal, que terá unha vixencia de catro cursos escolares. Os centros participantes deberán enviar unha memoria descritiva das iniciativas innovadoras desenvolvidas, na que se inclúan os cambios adoptados no seu centro a nivel organizativo, pedagóxico e programático, así como o impacto da implementación destas iniciativas. As candidaturas presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.