Feijóo brindará con champán

Xa quedan apenas tres semanas para as eleccións municipais e as diversas esquerdas, que deberían conformar unha maioría social, non foron quenes de sorprendernos cun grande acordo que sentara as bases para rematar coa hexemonía do Partido Popular en Galicia

Por Emilio Martinez | Vigo | 05/05/2015

Comparte esta noticia
O percorrido polas candidaturas que se presentan nas sete cidades mais importantes é desolador. Só en tres as esquerdas foron quen  de chegar a unha candidatura conxunta, BNG e PSOE autoexcluidos xa de inicio. E só en dúas cidades as expectativas poden dar lugar ao optimismo. En Santiago Compostela Aberta pode converterse nunha alternativa real de goberno apesares da escasa diversidade social da súa candidatura. En Coruña a maioría absoluta do Partido Popular está en risco, pero chegado o caso poderá contar coa muletilla de Cidadáns e o PSOE camiña cara un batacazo, que Francisco Vázquez pode converter en histórico, deixando á Marea Atlántica ás portas de converterse no eixo progresista da política municipal, aínda que pensar en que pode chegar a gobernar é case unha utopía. E non nos enganemos: as utopías non existen.  En Pontevedra os resultados da Marea Pontevedra serán no mellor dos casos testimoniais ante a fortaleza dun Miguel Anxo Lores ante o que tanto o PP como o PSOE se saben perdedores.
 
No resto das cidades as divisións e subdivisións das plataformas alternativas, sexan candidaturas abertas, mareas, gañemos ou como quer que se denominen en cada concello, as leva de forma irremediable a converterse en anécdotas, salvo que a lotería dos porcentaxes os poña cunha representación cativa pero necesaria para garantir investiduras e maiorías. En moitos casos o fraccionamento do voto traerá as consecuencias que todos sabemos...
 
Á marxe do que predican as enquisas, podemos facer outras profecías: En Ourense Jesús Vázquez está a pouco de converter a campaña electoral nun paseo de mañá de domingo pola rúa do Paseo ante a dispersión e as liortas dos onte compañeiros, onde había unha candidatura unitaria apareceron tres da noite a mañán. De pouco van valer as apelacións á corrupción, que a tantos ten xa salpicado. En Ferrol o Partido Popular revalidará sen problemas a súa actual maioría, o BNG quedará ao borde da marxinalidade municipal, co espazo comido pola candidatura nucleada arredor de Esquerda Unida. Orozco gobernará sen maiores problemas Lugo e en Vigo Abel Caballero sería extremadamente raro que non obtivera a maioría absoluta que ata agora se lle resistiu, grazas aos éxitos propios e os múltiples erros da esquerda e tamén da dereita popular.
 
No resto de Galicia a división das esquerdas garantirá cómodas maiorías ao PP en innumerables localidades. Os resultados da dereita serán a grandes rasgos satisfatorios, ainda obtendo posiblemente o seu menor porcentaxe de votos nunhas eleccións deste tipo.
 
Nun mapa político a nivel de Estado no que o retroceso do PP será xeneralizado, e extremadamente doloroso si se producen perdas como as que se auguran na comunidade de Madrid e Valencia e nos mesmos concellos, os populares galaicos sacarán  peito. O seu desgaste será visiblemente menor. 
 
A colosal maquinaria electoral do Partido Popular, e a súa mesta rede clientelar conta para as eleccións do 24 de maio cunha axuda que será inestimable: as esquerdas e a súa incapacidade xenética para estar á altura do que a sociedade demanda. En multitude de poboacións, a maioría das máis importantes, o votante de esquerdas e de centro-esquerda non teñen unha ou dúas opcións entre as que decidir o seu voto: terá catro… cando non cinco!!: o PSOE, o BNG, unha e moitas veces dúas candidaturas “unitarias” e Compromiso por Galicia.  O resultado da miopía política é previsible.
 
Feijoo poderá vender a noite do 24 de maio, ante a dirección popular, os seus resultados, conservará a meirande parte do poder municipal. Resultados que seguramente serán os peores en porcentaxe de voto en moito tempo, no referido a unha eleccións locais, pero que serán magníficos no panorama xeral. 
 
O noso presidente autonómico a noite do 24 de maio medirá a súa vitoria polos resultados propios e polo descalabro de moitos dos seus compañeiros de filas. Logo da festa partidaria, dende Monte Pío, aínda que mire cara o casco vello compostelán el poderá ver a silueta de Madrid albiscando no horizonte. De estar preto da residencia presidencial non fará falla afinar moito o ouvido para escoitar como os tapóns das botellas de champan saltan e se estrelan contra os teitos.
 
Mentres, as esquerdas, esa mesma noite, mirarán incrédulas os resultados que irán saíndo nos centros de datos e preguntaranse que é o que pasou. Non hai peor xordo que o que non quere ouvir. Non hai peor cego que o que non quere ver. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.