O Centro Dramático Galego seleccionará a 20 actores para o espectáculo do seu 40º aniversario

Tamara Canosa será a directora artística desta produccion e está previsto que se estree en abril de 2024. A obra xogará coas premisas dos chamados 'talent shows', un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2023 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

O Centro Dramático Galego levará a cabo, desde este luns ata o 1 de setembro, as probas correspondentes á segunda fase do proceso para a selección de 20 actrices e actores, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Na proba participarán máis de 80 intérpretes para cumprir coas audicións que o Centro Dramático Galego desenvolve para elixir a 20 artistas. Os seleccionados levarán a escena o espectáculo co que a compañía da Xunta conmemorará o seu 40º aniversario.

"Esta é a segunda fase deste proceso de selección do que sairán os integrantes dun dos elencos máis numerosos nestes case 40 anos de historia da unidade de produción teatral da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades", explicou a Xunta. Tamara Canosa será a directora artística desta produccion e está previsto que se estree en abril de 2024. A obra xogará coas premisas dos chamados 'talent shows', un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. "A competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das temáticas que se abordarán a partir deste fío condutor", detallaron desde a consellería.

PROXECTO EUROPEO

Por outra banda, esta nova produción explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolven baixo o proxecto europeo 'Phone'. Este proxecto ten como finalidade a visibilidade, a difusión e a posta en valor das linguas minoritarias europeas a través de obras teatrais. O Centro Dramático Galego participará deste proxecto, de maneira transversal, con distintas entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e Países Baixos.

"Este espectáculo será a produción central dun ano que arrincará coa recuperación da montaxe Terceira acto, que se poderá ver no Salón Teatro en xaneiro e ten prevista xira para o segundo semestre de 2024", destacou a Xunta. Así mesmo, a compañía galega continuará co seu labor en prol da accesibilidade e a descentralización da súa actividade anual e esta dinámica incluirá, entre outras iniciativas, a coprodución dun espectáculo de pequeno formato que percorrerá numerosos municipios de Galicia no próximo 2024.

Tamara Canosa
Tamara Canosa | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta