Temas: VACA VACINACIóN

O BNG esixe máis medios para a campaña de vacinación contra a lingua azul

A campaña de vacinación gratuíta e obrigatoria para o gando bovino e ovino (animais maiores de tres meses) iniciouse en marzo nas provincias de Ourense e Pontevedra, e nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos e Quiroga, en Lugo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/08/2023 | Actualizada ás 16:58

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Xosé Luís Rivas presentou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta cambios na campaña de vacinación contra o virus da lingua azul, así como máis medios e máis información aos gandeiros.

Para o nacionalista, a campaña actual está a causar prexuízos aos gandeiros, dado que "non se está realizando unha segunda vacinación en saba coa celeridade necesaria".

A campaña de vacinación gratuíta e obrigatoria para o gando bovino e ovino (animais maiores de tres meses) iniciouse en marzo nas provincias de Ourense e Pontevedra, e nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos e Quiroga, en Lugo.

A vacinación en saba, explica Rivas, debería finalizar en abril, antes de finalizar a estación libre de vectores (cando non se detecta presenza dos mosquitos culicoides). Con todo, "nalgúns concellos non terminou a día de hoxe", denuncia o deputado do BNG.

A vacinación de continuidade, así mesmo, "debería comezar o día 1 de xullo pasado", algo que non ocorreu, afirma Rivas, que engade que as reaccións adversas nos animais (abortos, partos prematuros, baixada produtiva ou mortes) son algúns dos problemas que se están detectando tras a vacinación.

POUCA INFORMACIÓN E PROBLEMAS PARA MOVER GANDO

A estes problemas súmase a "escasa ou inexistente" información facilitada aos gandeiros, que fai que "moitos non poidan solicitar as indemnizacións que lles corresponden por eses efectos adversos debido ao incumprimento dos prazos marcados pola propia Administración".

Xosé Luís Rivas destaca, por outra banda, os problemas que están a sufrir nas explotacións para mover o gando, dándose "casos de animais en condicións excelentes que non se poden enviar a sacrificio ao non estar vacinados". "Isto supón un enorme prexuízo para os gandeiros e as gandeiras, xa que non poden dispor dun ingreso co que contaban e suponlles aumentar os custos de produción ao obrigalos a manter eses animais nunha época estival na que non hai pasto dispoñible", engade.

Outro dos efectos que o BNG afea á planificación da Xunta é que os gandeiros "non poden vender as tenreiras enviadas a centros de recría situados en zona libre". Algúns cebaderos teñen ademais a actividade paralizada por mor das restricións impostas, agrega.

Por todo iso, o BNG insta á Xunta a formar "un equipo de persoas con criterio científico que avalíe en profundidade a vacinación en saba fronte a enfermidades como a lingua azul" e a "dotar de medios humanos suficientes a campaña de continuidade para evitar que os prazos se prolonguen e minimizar as restricións de movementos".

O deputado do Bloque reclama tamén establecer vías e maior dotación económica para incrementar o número de veterinarios que colaboren na vacinación e máis información para os gandeiros.

Unha vaca dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, en Chantada.. Carlos Castro - Europa Press
Unha vaca dunha gandaría de lácteo en Sabadelle, en Chantada.. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Temas: VACA VACINACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta