Temas: FUXIDAS

As Quendas, unha 'festa total' galega: gastronomía, cultura e deporte

Mondoñedo celebra as As Quendas 2015 dende o 30 de abril ao 3 de maio cun amplo programa que inclúe actividades culturais, deportivas e musicais; ademais da tradicional feira de gando.

Por X.M. Fernández | Mondoñedo | 30/04/2015 | Actualizada ás 20:05

Comparte esta noticia

A Asociación As San Lucas organiza cada ano estas coñecidas e recoñecidas festas que integran a tradición da feira de gando con interesantes actividades de carácter cultural,enmarcadas dentro do “Mondoñedo é poesía”, e con actividades deportivas como o “Pequebasquet” e a carreira de montaña “A Toxiza Classic Xtreme”.

Cartel das Quendas 2015
Cartel das Quendas 2015

A celebración arrinca  o 30 de abril co pregón ás 20:15 horas no Auditorio Municipal Pascual Veiga, pronunciado por Patricia Martínez Paz (mellor nota de Galicia na proba de acceso á Universidade no 2014 e Premio Extraordinario de Bacharelato), e xa pola noite coa actuación da orquestra Capitol e a artista revelación galega Mar Davila.

O venres 1 de maio é o día grande pois ademais da Gran Feira de Gando Cabalar a programación inclúe a XXXII Festa da Empanada, a IV Edición das Xornadas Gastronómicas da Carne de Poldro (degustación na Alameda dos Remedios e tapeo nos bares e mesóns da vila) e a actividade cultural “Mondoñedo é Poesía”, que convoca nesta segunda edición a 13 poetas, tres músicos e arredor de 20 debuxantes e pintores. Pola noite, remate de festa con orquestras na Alameda.

“Mondoñedo é poesía” quere superar este ano o éxito do ano anterior e para iso conta cun amplo e variado programa de actividades. Ademais da quedada de debuxantes e pintores (“Sketchcrawl”) que amosarán as súas creacións por diferentes espazos públicos de Mondoñedo e no Auditorio Municipal, haberá intervencións e recitais poéticos nas principais prazas da vila, un obradoiro de creación para os máis cativos a cargo do debuxante Caxoto Kativo e un recital final no Auditorio Pascual Veiga onde intervirán os músicos César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon, e os poetas Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro. Como colofón a este recital haberá unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema “De Ruada” en 1895.

O sábado 2 de maio destaca a actividade deportiva para pequenos,  “Pequebasket”, a Exhibición e Concurso Hípico de Salto a cargo de “Hípica Ecus de Lugo” e a Ruta Cunqueiriana guiada por Xosé Ruíz Riz na que se levará ao público interesado polos lugares máis frecuentados da vila polo xenial escritor mindoniense. Pola noite concerto acústico de Kiko&Shara no auditorio Pascual Veiga e orquestras.

Iolanda Castaño no 'Cifras e Letras'
Iolanda Castaño no 'Cifras e Letras' | Fonte: crtvg.com

Para rematar estas intensas xornadas festivas e queimar as calorías acumuladas, o domingo 3 terá lugar a primeira Carreira de Montaña “A Toxiza Classic Xtreme”, unha competición para os máis preparados pois serán 40 quilómetros de percorrido polos montes máis emblemáticos da zona. E xa pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar unha xornada de teatro a cargo de Xoldra Teatro no Auditorio Pascual Veiga.

Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta