A vacinación contra a lingua azul e os seus efectos na produción gandeira, un dilema para os granxeiros

As organizacións agrarias confrontan a Consellería de Medio Rural acusándoa de telas abandonadas fronte a proliferación da lingua azul en Galicia. De momento o sur de Lugo, as provincias de Ourense e Pontevedra son os lugares onde se estaría aplicando a vacina contra a doenza. Grupos de produtores apuntan á Xunta como responsable dunhas campañas de vacinación nefastas que lles están facendo perder poder adquisitivo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 01/09/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os sindicatos agrarios alertaron dos atrasos na aplicación da vacina contra a lingua azul desde comezos do verán. Avisaban ademais que os becerros de tres meses destinados á venda non poderían saír a tempo por non teren inoculado o composto contra o virus. Isto traduciríase en notables perdas por ingresos da venda destes animais. A estas alturas do verán case finalizado, gandeiros e gandeiras describen unha situación de “colapso” ante as dificultades para vender animais, efecto que, ademais de cortar ingresos nesta época, poderá facer minguar os prezos que cobren os produtores cando poidan enviar ao mercado os seus animais.

Vacas. CSIC
Vacas. CSIC

A SITUACIÓN

“Os becerros de tres meses vacinados e coa nai tamén vacinada poden venderse, mais o momento de vender vai pasando porque non se efectuaban as inoculacións” do Ana Rodríguez do Sindicato Labrego Galego. “Con catro meses o animal debe estar inmunizado, mais chegou un momento en que a campaña de vacinación parou”. Esta situación debíase a que “faltaban veterinarios para levar adiante a campaña contra a lingua azul”.

Despois de que Medio Rural detectara focos de lingua azul en catro explotacións de Ourense e Pontevedra, planificou a execución dunha campaña pública de vacinación “masiva (visitando correlativamente as explotacións de cada concello da zona restrinxida, vacinando nelas todos os animais maiores de 3 meses presentes) con medios propios e gratuíta para as persoas gandeiras” indican desde a Consellería. Os obxectivos, segundo o departamento que dirixe José González, eran unha vacinación rápida e homoxénea, e por outro que estas actuacións non aumentaran custos para as persoas titulares das explotacións.

Posteriormente, Medio Rural abriu no mes de abril a posibilidade de que persoal veterinario clínico libre (privados) e o persoal veterinario das Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeiras (ADSG) puidesen levar adiante o labor de inoculación segundo a demanda dos propietarios e propietarias de explotacións. Neste punto, poderían vacinarse rabaños completos ou animais que puntualmente non recibiran a dose con anterioridade.

Un grupo de vacas pastando nunha leira de gandaría extensiva
Un grupo de vacas pastando nunha leira de gandaría extensiva | Fonte: Carlos Luján - Europa Press.

O dito anteriormente fíxose baixo as “obrigas de vacinación en relación cos movementos de animais a partir do 30 de xuño (período que posteriormente foi ampliado a 31 de xullo, e mesmo ata o 15 de agosto no caso do gando ovino), e por outro lado a consideración de que tras a vacinación masiva existen animais ou ben comprados de zona libre (de lingua azul), ou que van superando a idade de 3 meses, e polo tanto, están sen vacinar”. Neste caso, a Consellería do Medio Rural informa que facilitou gratuitamente a vacina, “e así o continúa a facer, ao persoal que o solicite”.


ATRASOS NA CAMPAÑA

A ampliación dos períodos para a inxección dos compostos contra a lingua azul coinciden no tempo coas primeiras reclamacións de máis celeridade coa campaña de inmunización. Así, Unións Agrarias (UUAA) remitía un escrito á Dirección Xeral de Gandaría o 13 de xullo para notificar a súa “preocupación polo atraso na vacinación contra a enfermidade animal da lingua azul. Unha situación que vai provocar que a partir do 15 de xullo non sexa posible sacar gando das explotacións e, polo tanto, comercializalo para sacrificio”.

O SLG pola súa parte, engadía a isto a desorganización da campaña contra a lingua azul, pois ás perdas ocasionadas ás explotacións por non poderen vender o seu gando engadíase que “as granxas teñen que se facer cargo dos gastos da vacinación, ao tempo que noutras son os veterinarios oficiais quen cumpren as obrigas sanitarias”. A explicación que o SLG vía detrás disto era a falta de persoal.

Sabemos da falta de veterinarios por parte de TRAGSA (a empresa pública que levaba adiante as vacinacións) e que se recorreu a veterinarios privados” di José Ramón González de UUAA. “Isto foi o que creou a obstrución para as vendas de gando e á parte, a Consellería apunta que non encontra veterinarios suficientes”. Ana Rodriguez engade que “veterinarios de TRAGSA destinados a tarefas de saneamento gandeiro pasaron a ser vacinadores” contra a lingua azul.

CUSTOS E EFECTOS SECUNDARIOS

Rodríguez apunta ademais unha singularidade: “as vacinas contra a lingua azul deben seguir un percorrido específico exclusivo para vacinar”. Isto podía interpretarse en que un veterinario clínico privado tería que deixar de atender unha serie de clientes para facer un traxecto unicamente para vacinar un animal. “Por iso houbo veterinarios clínicos privados que non querían levar adiante esta tarefa”. Se o facía os custos aumentaban pois non só se cobra o desprazamento senón que hai unha tarifa por vacina inxectada que pode variar de 20 a 30€ por animal.

Cando en xullo Medio Rural decidiu realizar a vacinación que denominaron “de continuidade”, quen quixese podía seguir vacinando os animais non inmunizados e que buscasen vendelos. Os traballos podían realizalos persoal da Consellería, os ADSG ou “persoal en exercicio libre da profesión”. Preguntada a Consellería se as vacinas eran gratuítas, a resposta foi: “a Consellería do Medio Rural asumiu totalmente os custes tanto da vacinación masiva como da vacinación "de continuidade" realizada polo sistema público”.

Máis alá disto, o SLG denunciaba nunha nota de prensa o 11 de xullo posibles efectos secundarios dos compostos subministrados aos animais. Así, demandaba unha reunión con Medio Rural despois haber varias “granxas que se viron afectadas con incidencias relevantes no gando vacinado -de xeito diferenciado mortes e problemas no ciclo xestante que están dando lugar á momificación de fetos, abortos, infertilidade-”.

Pola súa parte, a Consellería do Medio Rural considera que a vacina é segura, e seguirá utilizándoa na campaña de vacinación oficial. Sobre as incidencias sinaladas polo SLG, “en moi raras ocasións (valoradas en menos de 1 animal por cada 10.000 animais vacinados), pode haber abortos, ou mesmo a morte do animal, por reaccións de hipersensibilidade. Este tipo de incidencias prodúcense normalmente inmediatamente tras a vacinación”.

A Consellería apunta que as incidencias “son indemnizables” e “sempre que se poda establecer unha relación causal entre vacina e efecto”. Segundo o mesmo departamento “as persoas comunicaron, con datos a mes de xullo, 41 posibles reaccións adversas e un total de 13 indemnizacións que están sendo tramitadas”. Sobre este punto, o SLG apunta que as indemnizacións teñen un prazo limitado para as mesmas, 48 horas logo da inoculación, obviamente imposibilita identificar e recoller rigorosamente os seus efectos secundarios, xa que estamos a ver incidencias ata mais aló das tres semanas”.

Nestes momentos o maior temor son as perdas ocasionadas pola falta de vendas e o aumento nos custos polas vacinacións no caso de recorrer a veterinarios privados. En tal caso, a doenza non afecta por exemplo, ao leite e tampouco afecta aos humanos que consumen carne de ovino, caprino ou vacún.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta