O FIC Vía XIV de Verín incluirá unha categoría infantil

Grazas a esta nova sección oficial a cativada da comarca poderá ver catro curtas programadas especialmente para eles e alas. Será a mañá do 14 de setembro.

Por Galicia Confidencial | Verín | 28/08/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Coa idea de chegar ao público infantil, o Festival Internacional de Curtametraxes de Verín aumentará a axenda de actividades para eles na edición deste ano.

Nenas e nenos na entrada do Auditorio nunha edición anterior do FIC Vía XIV. Foto: Carlos Montero.
Nenas e nenos na entrada do Auditorio nunha edición anterior do FIC Vía XIV. Foto: Carlos Montero.

Por primeira vez, a organización do certame incluirá na programación unha categoría infantil con catro curtas pensadas para a cativada. Trátase dos seguintes traballos audiovisuais: O Monstro e a nena, Ovo, Papirola e Chimborazo.

O pase será o xoves 14 de setembro no Auditorio de Verín e dende a dirección do festival xa se convidou a todos os rapaces e rapazas da comarca a través dos seus centros de ensino. Ademais de gozar das curtas poderán votar polo seu traballo favorito aínda que o premio desta categoría será outorgado polo xurado profesional.

A axenda infantil do FIC estará dirixida pola narradora oral Raquel Queizás quen, durante a mañá na que se proxectarán as curtas, interactuará cos cativos e cativas para familiarizalos "coa maxia do cine" a través do fío condutor da ciencia ficción nunha actividade que se titulará "Vémonos no futuro".

Para Carlos Montero, director do FIC Vía XIV de Verín, "é moi importante incentivar que os nenos e nenas da comarca poidan achegarse á cinematografía cunha actividade perfectamente deseñada e dirixida por unha profesional con experiencia cuxo obxectivo é axudar a que se poida espertar neles o interese pola sétima arte e conformar espectadores críticos para o día de mañá".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta