O PSdeG acusa á Xunta de dar "a dedo" axudas a determinados festivais de cinema en Galicia

Di que o Festival Internacional de Cinema de Ourense --OUFF-- recibiu axudas de Turismo e da Agadic e denuncia "agravio comparativo" con outros festivais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2023 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, presentou unha iniciativa parlamentaria na que alerta do "agravio comparativo" que, segundo dixo, practica o Goberno galego na repartición de fondos públicos para os festivais de cinema de Galicia.

Díaz reclamou á Consellería de Cultura que presente un escrito na Cámara galega no que informe das subvencións nominativas achegadas a este tipo de certames. A responsable socialista xulgou que o Goberno galego distribúe axudas "escasas" a través da Agadic en réxime de concorrencia competitiva, que compatibiliza con outras partidas concedidas "a dedo" desde outros organismos como a Axencia Galega de Turismo.

Como exemplo, puxo o Festival Internacional de Cinema de Ourense --OUFF--, que este ano recibiu 385.000 euros de Turismo e outros 60.000 da Agadic, as dúas concedidas por convenio nominativo e sen que este festival concorra á convocatoria pública de axudas.

Noa Díaz sinala que o caso de Ourense non é o "único" e por iso cualifica de "incomprensible" que algúns festivais teñan que competir pola subvención en concorrencia competitiva de Agadic mentres que outros reciben axudas de forma directa e que superan, "en moito", o que calquera festival pode alcanzar.

Díaz lembrou que os festivais e certames de cinema reciben hoxe un 25 por cento menos de orzamento da Xunta que co goberno bipartito de 2009, cando había "moitos menos eventos". Así, indicou que apenas reciben 225.000 euros a través da Agadic, "moi por baixo dos 300.000" daquel goberno e " proporcionalmente moi inferior ao que dedican as deputacións da Coruña e Pontevedra".

Ademais, a deputada socialista requiriu ao Executivo galego que "cumpra" o acordo aprobado na Cámara autonómica o 7 de xullo polo que lle reclaman á Xunta que realice un estudo do retorno económico que supoñen os festivais galegos de cinema e poder incrementar a liña de axudas destinada a estes certames.

A deputada do PSdeG Noa Díaz. PSDEG
A deputada do PSdeG Noa Díaz. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

O Ouff é o festival de cine de Baltar junior, propietario do Teatro Principal de Ourense, o denunciado por negociar a cambio de sexo, o fitipaldi da autovía das Rías Baixas, e agora novo senador autonómico en representación da nacionalidade histórica galega. Frijolito: pasa pá casa!