45 alumnos farán prácticas no estranxeiro co programa Erasmus+ da Deputación de Pontevedra

Na última mobilidade deste programa europeo 27 alumnos recibiron ofertas para ser contratados nas súas organizacións de acollida.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/08/2023 | Actualizada ás 13:39

Comparte esta noticia

O edificio administrativo da Deputación de Pontevedra acolleu este martes a reunión preparatoria da quinta edición do programa Erasmus+, coa que 45 alumnos de 16 centros de ensino da provincia realizarán prácticas en empresas e entidades en Finlandia, Irlanda, Italia, Malta e Portugal a partir do 2 de outubro. Estes mozos foron recibidos polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, e polo vicepresidente do organismo provincial, Rafa Domínguez.

A administración pontevedresa está adherida a este programa europeo e ofrece bolsas ao alumnado de Formación Profesional para completar a súa formación, ademais de acompañamento e apoio durante toda a súa estancia no estranxeiro.

No seu discurso ante os mozos, Luís López destacou que participar no programa será para eles unha oportunidade "para completar as vosas destrezas e coñecementos", e tamén "para prepararvos para outras situacións na vida" ademais de supor "un gran impulso que facilitará a transición da vosa etapa de estudantes á inmersión no mercado laboral".

"A pesar de que haxa momentos nos que vos vexades fisicamente sós, a deputación sempre vai estar ao voso lado para guiarvos, axudarvos e apoiarvos en todo o necesario para que estes meses sexan unha experiencia positiva", sinalou o presidente pontevedrés.

Na última mobilidade deste programa europeo 27 alumnos recibiron ofertas para ser contratados nas súas organizacións de acollida "e moitos outros atoparon traballo ao pouco de volver", informou Luís López. Por ese motivo, animou aos alumnos a que aproveiten "o tempo, tamén para gozar, e metades na maleta todos os coñecementos que ides adquirir para polos en práctica aquí".

Na reunión deste martes explicouse ao alumnado as súas obrigacións, medios á súa disposición, medidas de seguridade, posibles incidencias ou modificacións, e tamén aspectos culturais dos seus países de acollida así como recomendacións para a viaxe e estancia no estranxeiro.

Ademais, os participantes reuníronse particularmente con persoas intermediarias das organizacións nas que realizarán as prácticas para comentar con máis detalle as características das entidades e en que consistirán as súas estadías.

Reunión da quinta edición do Erasmus+
Reunión da quinta edición do Erasmus+ | Fonte: Deputación de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta