Galicia pecha o verán cunha ocupación que alcanzou picos do 90 % en agosto, con Sanxenxo e a Ribeira Sacra como referentes

O verán en Galicia cumpriu coas previsións e pechou o mes de xullo cun nivel de ocupación entre o 70 % e o 80 % e alcanzou as cotas máis altas en agosto, cunhas porcentaxes de ocupación de entre o 80 % e o 90 %.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/09/2023 | Actualizada ás 16:47

Comparte esta noticia

O verán en Galicia cumpriu coas previsións e pechou o mes de xullo cun nivel de ocupación entre o 70 e o 80 % e alcanzou as cotas máis altas en agosto, cunhas porcentaxes de ocupación de entre o 80 % e o 90 %. Así o detallou, nun comunicado, o Clúster de Turismo de Galicia que sinalou que o sector apuntou a "uns bos resultados" neste verán, que se reflectiron nun "aumento do emprego e dos salarios" con respecto ao verán anterior.

O Clúster sinalou que as fontes que consultaron fixeron referencia a un aumento nos prezos que situaron ao redor dun 10 % e a unha subida das materias primas de entre un 10 % e un 20 %, aínda que outros puntualizaron que eses custos puideron aumentar ata en máis dun 20 %. Este verán destacou polo incremento de viaxeiros internacionais, tanto procedentes de mercados xa consolidados para Galicia como o británico ou o portugués, como de Estados Unidos, Francia e Italia.

PROVINCIA DA CORUÑA

Nunha análise por zonas, a cidade da Coruña alcanzou unha porcentaxe de ocupación do 85 % no mes de xullo e do 91 % en agosto. Un dato destacado foi o aumento de viaxeiros internaciones que pasaron de representar un 20 % dos turistas desta cidade a un 35 % cun crecemento de viaxeiros británicos, franceses e italianos (un mercado novo para a cidade). Na Costa da Morte, onde o Camiño de Santiago ten unha notable afluencia no incremento do fluxo turístico, as cifras de ocupación situáronse en torno ao 70 % en xullo e ao 80 % en agosto.

Turistas pasean pola praia das Catedrais
Turistas pasean pola praia das Catedrais | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

En Santiago de Compostela a porcentaxe de ocupación de xullo situouse no 76 %, mentres que en agosto subiu ata o 82 %. Un dos feitos máis destacados é a chegada de cada vez máis viaxeiros procedentes de Estados Unidos. En Ferrol e comarca as fontes que consultou o Clúster mostráronse satisfeitas co desenvolvemento desta tempada. Ademais, o Camiño Inglés atrae a "un considerable número de viaxeiros" tanto nacionais como internacionais.

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

No que se refire a a provincia de Pontevedra, os datos de ocupación alcanzaron os 72 % no mes de xullo e superaron o 80 % en agosto. Na localidade de Sanxenxo a ocupación estivo próxima ao 74  % en xullo e ao 91% en agosto, sendo "especialmente positivos" os datos rexistrados en hoteis de cinco e catro estrelas, así como en apartamentos turísticos e cámpines. Así, o Clúster sinalou que algunhas fontes consultadas da zona incidiron nunha redución nas estancias medias, pero os profesionais están satisfeitos co nivel de consumo en termos xerais.

PROVINCIAS DE LUGO E OURENSE

Pola súa banda, a provincia de Lugo tivo unha porcentaxe de ocupación para o mes de xullo do 79 % que en agosto creceu ata o 90 %. Aquí destacaron a importancia do Camiño de Santiago neste territorio no que "moitas das reservas" que esperan para o mes de setembro son clientes que fan esta ruta.

Na Ribeira Sacra a porcentaxe de ocupación alcanzou o 85 % en xullo e superou o 90 % en agosto. O crecemento do Camiño de Inverno favorece a chegada de peregrinos ata esa zona, na que o turista nacional é o maioritario. En Ourense foi "un bo verán" similar ao do ano anterior. Aquí destacou a influencia do Camiño de Santiago, así como dos viaxeiros que aproveitan a súa estancia para visitar Galicia e achegarse a coñecer a Ribeira Sacra ou gozar do termalismo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta