O novo boom inmobiliario: a Xunta prevé converter 2.000 baixos comerciais en vivendas

Xustifica a "flexibilización" das normativas urbanísticas para "baixar" o prezo da vivenda e evitar a degradación dos cascos vellos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2023 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

Converter os baixos en vivendas. Ese é o novo obxectivo da Xunta de Galicia, un obxectivo no que baralla a creación de 2.000 novas vivendas dun total de 7.000 baleiros que hai en Galicia segundo o sector inmobiliario. A xustificación; tentar "baixar" os elevados prezos do mercado e evitar a degradación dos cascos vellos da cidades.

Reunión do Consello da Xunta o 7 de setembro de 2023
Reunión do Consello da Xunta o 7 de setembro de 2023 | Fonte: DAVID CABEZÓN @ XUNTA

Será a través dun novo decreto para dotar de habitabilidade os baixos comerciais sen que se teñan que modificar os PXOMs municipais. Un decreto que mantén algúns requisitos que había agora e flexibiliza, e moito, outros. Así, mantén en 40m2 o mínimo para converter un baixo en vivenda, pero cambia outros que antes dificultaban moito facelo: que as fiestras estean a 1,8 metros do chan ou que haxa unha distancia mínima de 2 metros dun espazo público. Requisitos que pretendían gardar a privacidade e intimidade desa vivenda. Agora estes son flexibles dependendo das características dos baixos e as novas modificacións introducidas.

Así, o novo decreto da Xunta recolle que se o baixo dispon dunha zona axardinada xa non hai que deixar os dous metros preceptivos. Tamén se poden utilizar estores nas fiestras e, deste xeito, "se garante a privacidade dos que vivan nel". Tamén se rebaixa a altura que teñen que ter estes baixos. Ata agora era de 3,2 metros de mínimo para converterse en vivendas, agora xa chega con 2,5 metros e 2,4 metros nas entreplantas.

RESPIRADEIROS E HORTAS

Ademais muda a colocación do respiradeiro de fumes. Ata agora tiña que facerse no tellado do edificio. Coa nova norma da Xunta poden colocarse no propio baixo para "non incomodar ao resto de residentes".  E, máis cambios. Se agora un baixo dá a unha horta interior non terá por que ter unha estancia que dea directamente a un exterior ou se está nun casco histórico non ter por que ter a cociña e o salón que dean ao esterior. Será o propietario o que decida que dúas estancias quere que dean a un exterior. 

O decreto da Xunta tamén cambia o mínimo que tiñan que ter os baños, 5 metros. "Agora hai que manter os cinco metros pero pódese dividir en dúas zonas", explicou a vicepresidenta e conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Tamén hai cambios en tendedeiros ou lavadoiros. Ata agora había que acceder a través da cociña. Agora isto non se esixe e se pode acceder a través de calquera estancia.

Son "facilidades" que a Xunta quere darlle aos concellos para que habiliten máis vivendas sen ter que modificar os actuais PXOMs. "É algo  ben acollido por propietarios e sector", defendeu a conselleira. Tamén o presidente galego destacou que co novo decreto pretendese "axilizar requisitos" . "Non se trata de eliminar comercios para substituilos por vivendas, senón utilizar os baixos que están abandonados ou baleiros, para convertelos en vivendas, especialmente en zonas onde está subindo moito o chan e isto servirá para nivelar e baixar os prezos", dixo. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta