A oposición esixe unha investigación sobre posibles preavisos de inspeccións en residencias de maiores

A conselleira de Política Social, Fabiola García asegurou que se realizarán "as actuacións correspondentes para depurar as responsabilidades ás que haxa lugar".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2023 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, rexeitou que se avise previamente das inspeccións de Servizos Sociais aos centros, en resposta ás preguntas expostas no pleno do Parlamento galego polo PSdeG, que esixiu unha comisión de investigación "xa", e do BNG, que acusou ao Executivo galego de "priorizar" aos xestores destes centros fronte ás traballadoras.

"Se non hai probas é porque nunca ocorreu", recalcou a conselleira quen dixo que "todas" as reclamacións e queixas que chegan á Consellería "investíganse". Tamén defendeu que o sistema "funciona" e vinculou tales afirmacións a un intento de "desprestixiar" ou "pór en dúbida" o citado servizo.

Nunha intervención na que Fabiola García asegurou que se realizarán "as actuacións correspondentes para depurar as responsabilidades ás que haxa lugar", precisou que "é certo que se probou cun novo sistema experimental a petición dunha parte do persoal de Servizos Sociais, pero rexeitouse porque prexudicaba á organización da inspección", expuxo.

"Nin eu nin ningún alto cargo temos acceso á planificación das inspeccións", manifestou a conselleira que, ademais, cualificou de "falsas estas gravísimas acusacións, que só buscan facer dano". Fronte a iso, defendeu que este ano houbo "máis de mil visitas de inspeccións que derivaron en ducias de expedientes".

O BNG ESIXE INFORMACIÓN

Pola súa banda, o deputado do BNG Iago Tabarés rexeitou, en resposta ao exposto pola conselleira, que exista "transparencia" neste asunto. Pola contra, denunciou "escurantismo" por parte da Consellería, á que instou a aclarar "cantas veces non avisaron". "Rectifiquen e protexan ás traballadoras en lugar de priorizar aos fondos voitre, investiguen as denuncias", insistiu o parlamentario do BNG quen apuntou á existencia das mesmas xa en 2018 e con posterioridade.

Ademais, cuestionou que "só" existan "sete inspectores e inspectoras para o control de 948 centros". "Queren evitar que se coñezan os incumprimentos", manifestou tamén. "Claro que carecen de ATS e de enfermeiras, sae a conta, por iso na maioría dos centros residenciais non se cumpren os cocientes", sinalou ao considerar baixo o importe da multa por non dispor deste persoal. "É falso o que di, a Consellería de Política Social e Xuventude nunca recibiu unha denuncia por filtración", replicoulle Fabiola García ao deputado do BNG noutro tramo da intervención.

PSDEG DENUNCIA "IRREGULARIDADES"

Na mesma liña, a deputada socialista Marina Ortega, que tamén presentou unha pregunta por este motivo, esixiu a apertura dunha investigación e aludiu a denuncias de particulares e asociacións, pero tamén a un informe do Consello de Contas sobre "irregularidades que non se corrixiron".

Por outra banda, remitiuse ás denuncias feitas polo traballadoras pero tamén pola asociación de inspectores de Galicia respecto dun aviso ás residencias antes dunha inspección. "É a denuncia do corpo de inspección da Xunta", recalcou a deputada quen engadiu que "se non inicia comisión de investigación é que non quere que se fale do asunto".

A súa intervención aproveitouna tamén para tachar de "aberración terapéutica" que "se mesturen as causísticas de persoas con problemas psiquiátricos coas persoas maiores" e reclamou equipos multidisciplinares, ademais de persoal de enfermaría nestes centros.

A Xunta implatará un sistema de rehabilitación e fisioterapia a través de realidade virtual nas residencias públicas / XUNTA - Arquivo / Europa Press
A Xunta implatará un sistema de rehabilitación e fisioterapia a través de realidade virtual nas residencias públicas / XUNTA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta