Aprazada a celebración do pleno municipal de Pontevedra pola Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon

A feira ambulante de Pontevedra trasladarase á avenida de Buenos Aires, xusto detrás da praza de abastos, o 30 de setembro, sábado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/09/2023 | Actualizada ás 14:41

Comparte esta noticia

A xunta de portavoces do Concello de Pontevedra decidiu, por unanimidade, na súa reunión deste mércores pospor para o 25 de setembro, luns, a celebración do próximo pleno ordinario da Corporación. A convocatoria aprázase para non coincidir coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon, que terá lugar do 22 ao 24 deste mes na cidade do Lérez.

Este será o gran acontecemento do tríatlon a nivel mundial e ofrecerán un programa paralelo de lecer e cultura do que gozarán os preto de 12.000 visitantes que acollerá a Boa Vila, segundo explicou a concelleira, Eva Villaverde. Na orde do día da sesión plenaria figura o informe da Conta Xeral, é dicir, a situación dos bens e dereitos da entidad local, do seu financiamento e dos seus préstamos e débedas ao final do ano.

Ademais abordarase as proposicións do grupo municipal do PSdeG relativa á situación actual do Ateneo de Pontevedra, que quedou sen o local que tiña ata agora no edificio administrativo da Xunta de Galicia de Benito Corbal. Tamén solicitan o grupo socialista ao goberno local que elabore e aprobe un protocolo de actuación ante as agresións e acosos sexuais en espazos privados de lecer nocturno na cidade.

Pola súa banda, o Partido Popular leva a pleno unha moción para reclamar a posta en funcionamento dunha vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia machista. Os populares tamén solicitarán a creación dun plan de mantemento de instalacións e equipamentos deportivos municipais.

Finalmente, segundo informou a concelleira do BNG, Eva Villaverde, o Goberno local quere incluír neste pleno unha modificación do cadro de persoal que é "necesaria para crear unha serie de prazas, suprimir outras e modificar, como resultado da xestión diaria". En total, créanse 16 prazas, transfórmase unha e suprímense 13 vacantes que non están cubertas.

Concello de pontevedra
Concello de pontevedra | Fonte: E.P. - Arquivo

FEIRA AMBULANTE


A feira ambulante de Pontevedra trasladarase á avenida de Buenos Aires, xusto detrás da praza de abastos, o 30 de setembro, sábado. Esa é a previsión que manexa a concelleira responsable de Promoción Económica, Anabel Gulías, que mandará as notificacións pertinentes aos vendedores ambulantes para comunicar a suspensión do mercadillo nas datas nas que coincide coa Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon e a súa nova localización na avenida de Buenos Aires.

Este mércores, a edil de Mercados enviou á Federación de Vendedores Ambulantes unha proposta con varias datas para manter unha reunión "porque quería ver con eles e con elas os detalles da nova localización".

Anabel Gulías explicou que na avenida de Buenos Aires cortaríase o tráfico en tres carrís entre as pontes de Santiago e o Burgo, deixando operativo o máis próximo ao mercado, e o outro se empregaría para aparcar as furgonetas dos ambulantes. Os postos montaranse na beirarrúa e nos dous carrís en dirección á ponte das Correntes.

Este peche xa se analizou polos servizos municipais que concluíron, segundo dixo Anabel Gulías, que ao ser os sábados pola mañá "non supón un problema para a fluidez do tráfico".

A concelleira lembrou que para tomar esta decisión tivéronse en conta como "criterios obxectivos" de valoración a idoneidade da localización, o atractivo comercial e as preferencias dos axentes implicados. "Na maior parte das vilas as feiras ambulantes sitúanse na contorna do mercado", engadiu a concelleira, "entendemos que é interesante establecer sinerxías que favorezan ao comercio local". "Esta é unha cuestión de cidade, non é unha cuestión dun sector", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta