Inditex e Stellantis repiten como empresas galegas con maiores ingresos de explotación e a área coruñesa como motor económico

Comercio téxtil, construción de edificios e supermercados concentran o maior volume de emprego. Así se recolle no informe Ardán 2023, presentado este martes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 19/09/2023 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

As empresas do grupo Inditex e a factoría de Stellantis en Vigo revalidaron os seus postos como primeiras empresas en Galicia no que a ingresos de explotación se refire, segundo se recolle no informe Ardán 2023, presentado este martes en Vigo, e que tamén reflicte que a comarca da Coruña é a primeira de Galicia por valor engadido bruto xerado.

O informe, realizado a partir dos datos do exercicio 2021 de 37.900 empresas asentadas en Galicia, conclúe que o sistema produtivo que máis ingresos obtivo nese exercicio foi o do téxtil, confección e moda, con case 24.000 millóns de euros, seguido da automoción e o sector agroalimentario. Hai que ter en conta que os datos e a radiografía do tecido produtivo están marcados por un contexto de inicio de recuperación tras a crise pola pandemia de covid.

Por ingresos de explotación, Inditex sitúase á cabeza das empresas analizadas, cuns ingresos de 11.363 millóns de euros, seguida de PSA (grupo Stellantis), con 7.357 millóns. Os dez primeiros postos desa lista están ocupados por varias empresas da contorna da multinacional téxtil, como Zara España, Fashion Logistic Forwarders, Bershka, Tempe, Stradivarius, Pontegadea ou Pull and Bear. Só outra compañía allea cóase neses primeiros postos, Metalurgia Galaica (Megasa).

A partir do décimo lugar do ranking aparecen compañías como Vego Supermercados, ou Gadisa. Mentres que, se se ten en conta aos grupos de empresas, o trío de cabeza fórmano Inditex, Pontegadea e Gadisa. En canto á rendibilidade económica por sectores, o informe Ardán destaca que a máis elevada é a do sector saúde e asistencia social (6,99 %) e a da enerxía, electricidade e auga (6,80 %), fronte a rendibilidades máis baixas en actividades como a automoción (3,40 %) ou o téxtil (2,49 %).

EMPREGO

Con respecto aos empregos, o documento presentado este martes recolle que a maior parte dos empregos correspóndese ás grandes empresas, de máis de 250 traballadores (un 34 %), seguidas polas pemes, cun 25,5 % dos empregos, as microempresas (un 21,2 %) e as empresas medianas (un 19 %). Por sectores, o Ardán estuda a evolución dos empregos nos últimos exercicios e conclúe que todos os sistemas produtivos presentaron taxas positivas entre 2020 e 2021, a excepción do naval, o único que rexistra perda de emprego.

Así, a actividade con maior número de empregados e empregadas é comercio téxtil comerciante polo miúdo, seguido pola construción de edificios e os supermercados e hipermercados. Os sectores con maior peso do emprego feminino son os servizos sociais, os servizos xeriátricos, o comercio de pezas de vestir e os supermercados e hipermercados.

COMARCAS

O informe Ardán tamén recolle a posición das comarcas galegas en base ao valor engadido bruto xerado polas súas empresas e, segundo ese criterio, a área da Coruña sitúase á cabeza de Galicia, con 5.524 empresas, 40.256 millóns de euros de ingresos e o 29,33 % do emprego.

Séguelle a área de Vigo, con 6.483 empresas, 23.318 millóns de ingresos e un 19,97 % do emprego; en terceiro lugar sitúase a comarca de Santiago, con 2.482 empresas, 4.902 millóns de euros de ingresos e o 7,15 % do emprego; no cuarto posto está a comarca de Pontevedra, con 1.646 empresas, 3.795 millóns de ingresos e o 5,12 % do emprego; e en quinto lugar destaca a comarca de Ourense, con 1.959 empresas, ingresos por 4.400 millóns e un 4,57 % do emprego.

Deste xeito, estas cinco comarcas de Galicia concentran o 74,04 % do valor engadido bruto, o 72,32 % dos ingresos de explotación e un 66,13 % do emprego.Por sectores, na área da Coruña a actividade empresarial está liderada polo sector téxtil; na de Vigo pola automoción e a pesca; e na de Santiago pola fabricación de taboleiros de madeira e chapa (pola presenza de Finsa).

Unha tenda da franquicia Zara en Barcelona, a 7 de agosto de 2023
Unha tenda da franquicia Zara en Barcelona, a 7 de agosto de 2023 | Fonte: David Zorrakino - Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta