Estado do vehículo e meteoroloxía, eixos da defensa do chofer do bus que se precipitou ao Lérez en Noiteboa

Mantén que a saída de vía foi debido a un 'aquaplanning' e desconfía da custodia das probas, como o autocar e o seu tacógrafo. Aínda que a Garda Civil apunta a un exceso de velocidade como causa do sinistro no que morreron sete persoas, a defensa do condutor négao. Nove meses despois do suceso, a ponte de Vichocuntín comezará a ser reparada por Transportes.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 22/09/2023 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

A defensa de C.M., o condutor do autobus accidentado a pasada Noiteboa en Cerdedo-Cotobade, rexeita as conclusións do informe pericial elaborado por técnicos da Garda Civil que, segundo avanzou o pasado xoves o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, apunta a un exceso de velocidade como causa do sinistro no que morreron sete persoas.

Fontes da contorna do chofer mostraron a súa desconfianza sobre a forma na que se chegou a concluír que a saída de vía debeuse a un exceso de velocidade, algo que, ao seu xuízo, non ven sustentado nos cálculos que se reflicten no documento que figura en poder do xulgado número 1 de Pontevedra, encargado da instrución do caso.

Manteñen que a causa do sinistro foron as condicións meteorolóxicas que imperaban na zona na noite do 24 de decembro de 2022, unha xornada de fortes precipitacións e baixa visibilidade que, segundo recalca a defensa do chofer, provocou que o autocar fixese 'aquaplanning' nunha balsa de auga da curva previa á entrada á ponte de Pedre, por onde se despeñou desde unha altura de 29 metros ata caer ao leito do río Lérez.

Así o trasladou na súa declaración inicial o propio condutor, prestada na comandancia da Garda Civil o 30 de decembro, seis días despois do accidente. A súa defensa avanza que manterán esta versión que, engade, será apoiada con dous informes periciais que refutarán as conclusións do feito pola Benemérita, no que "non hai ningún dato" que reflicta "a fórmula" pola que foi calculado que o autobus viaxaba a máis de 80 quilómetros hora, límite no punto.

CUSTODIA DAS PROBAS

A representación legal do chofer desconfía do feito de que se declarase "inservible" o tacógrafo do autobús, recuperado da auga tras o accidente. Ademais, tamén pon o foco na cadea de custodia das probas, xa que entende que o vehículo non debeu ser trasladado ás instalacións da empresa Monbus en Pontevedra ao ser esta unha parte interesada no caso como titular da liña.

Alí, nas cocheiras que a compañía ten en Lourizán, foi onde os técnicos da Garda Civil inspeccionaron o vehículo para extraer a información para o seu informe sobre as causas do sinistro. O estado do autocar é outro dos argumentos que emprega a defensa do condutor, quen, segundo estas fontes, notara nos días previos ao sinistro que o vehículo "presentaba problemas". Así as cousas, a defensa manifesta a súa oposición "frontal" ás conclusións do informe da Garda Civil, que ve "dirixido" a responsabilizar unicamente ao  condutor "obviando" cuestións como o estado do autobus ou as condicións meteorolóxicas daquela noite.

Un guindastre coloca o autobús accidentado sobre a ponte para sacalo da canle do río Lérez, a 27 de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade
Un guindastre coloca o autobús accidentado sobre a ponte para sacalo da canle do río Lérez, a 27 de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade | Fonte: Gustavo de la Paz - Arquivo

O ALCALDE DE CERDEDO-COTOBADE PIDE MELLORAS NA N-541

Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, censurou que o Goberno respondese aos rexedores agrupados no denominado 'Pacto de Pedre', que reclaman melloras na N-541, "culpando" ao condutor do autobús sinistrado en Noiteboa nesa mesma estrada.

Así o manifestou Cubela en declaracións aos medios este venres. Dende a Delegación do Goberno, o seu titular instaba os representantes públicos á "prudencia" á hora de emitir valoracións sobre o estado da estrada nacional e a súa relación coas causas dese sinistro e os rexistrados semanas máis tarde na mesma zona, onde morreu un motorista tamén, segundo o delegado Pedro Blanco, por un exceso de velocidade.

Aludía así á reunión o pasado mércores do denominado 'Pacto de Pedre', que agrupa aos alcaldes de Cerdedo-Cotobade, Punxín, Maside, O Carballiño, O Irixo, Boborás e Beariz en demanda dunha actuación integral para corrixir os problemas de seguridade que, din, padece unha vía considerada "unha das máis perigosas" do Estado.

Para Cubela, "é un erro" que o Goberno replique a estes rexedores (entre os que hai alcaldes do PSOE) a través do seu representante en Galicia "culpando ao condutor" do autobús accidentado na parroquia de Pedre cando as demandas expresadas son relativas a corrixir a "situación histórica" dunha estrada que volveu a cualificar de "cemiterio".

"É un erro que ao día seguinte dunha reunión tan importante como a que levou a cabo (o mércores) na sede do Concello de Cerdedo o único que teña que dicir o Goberno central a través dos seus órganos periféricos na comunidade sexa responder que é culpa do condutor", aseverou o alcalde popular de Cerdedo-Cotobade, que lamentou que a Delegación do Goberno "non se dirixiu" aos alcaldes do 'Pacto de Pedre' nos meses transcorridos desde a súa configuración a comezos de ano.

"Seguimos sen que ninguén se dirixa a nós, a ningún dos alcaldes nin alcaldesas, para expornos ou informarnos das cuestións, solucións ou proxectos que ten Fomento (Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana). O único que sabemos é por noticias a través dos medios de comunicación", aseverou Cubela, quen incidiu que a reclamación dos sete alcaldes é que se destinen partidas suficientes para unha reforma integral da nacional que une as capitais de provincia de Ourense e Pontevedra. Así pois, avanzou que os gobernos locais "de distinta cor política" que se agruparon a raíz do accidente de autobus de Noiteboa e manterán e "intensificarán" a súa "presión institucional" para lograr compromisos do Goberno central.

TRANSPORTES COMEZARÁ A REPARAR A PONTE O VINDEIRO LUNS

En resposta, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) anunciou que iniciará este luns os traballos de reparación do viaduto de Vichocuntín da N-541, para liquidar as desfeitas causadas polo accidente do autobus a pasada Noiteboa no que morreron sete persoas. A obra comezará o día despois de que se cumpran nove meses do tráxico sinistro rexistrado na noite do 24 de decembro de 2022, segundo anunciou este venres o departamento que dirixe Raquel Sánchez a través dun comunicado.

A actuación contempla a instalación dun novo pretil de formigón (murete de seguridade) no viaduto sobre o río Lérez da nacional que une Pontevedra e Ourense, que foi en parte derrubado polo autobús na súa saída de vía, que se produciu no comezo do viaduto en sentido Pontevedra. Desde entón, atópase precintado e, nove meses despois do accidente, será substituído por un novo, o que obrigará a reforzar e ampliar o taboleiro do viaduto, segundo explicou o Mitma. A execución dos traballos motivará o corte dun dos carrís de circulación entre os quilómetros 66,800 e 65,100 desde as 08.00 horas do 25 de setembro ata as 13.00 horas do 22 de decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta