Plásticos, toalliñas húmidas, tampóns e máscaras... así se contaminan os ríos galegos

Unhas 750 persoas retiran máis de seis toneladas de residuos na XVI Limpeza Simultánea de Ríos do Proxecto Ríos.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/09/2023 | Actualizada ás 14:33

Comparte esta noticia

Plásticos --botellas, garrafas, bolsas, sacos-- foron os refugallos que máis abundan nos ríos galegos, aínda que agora xa compiten con máscaras e produtos de hixiene persoal. Así se puxo de manifesto este domingo 24 de setembro de 2023 na XVI Limpeza Simultánea de Ríos en 52 concellos de toda Galicia. En cada localidade a actividade foi coordinada por diferentes entidades, dende asociacións ecoloxistas, culturais, até fundacións, centros de ensino e concellos, chegando a máis de 60 entidades. En total, 6 toneladas de lixo de todo tipo.

Lixo sacado dos ríos galegos durante a limpeza de diferentes cauces dentro do Proxecto Ríos
Lixo sacado dos ríos galegos durante a limpeza de diferentes cauces dentro do Proxecto Ríos | Fonte: ADEGA

Desta volta recolléronse refugallos moi variados, e coma sempre abundaron os plásticos: botellas, garrafas, bolsas, sacos... Pero tamén apareceron rodas, cristais e latas e pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, sinais de tráfico, entullos, tixolas ou deshumificadores. Retiráronse uralitas, roupa ou calzado.

As toalliñas húmidas para hixiene persoal volveron a aparecer en abundancia xunto coas compresas e tampóns, e, especialmente, máscaras. "É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras", apuntan desde ADEGA.

O Proxecto Ríos é un proxecto promovido por ADEGA dende o ano 2005 e financiado por Augas de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Para esta actividade contouse coa colaboración dos concellos de A Estrada, Ames, Ares, Cangas, Carballo, Fene, Foz, Gondomar, Meis, Moaña, Nigrán,Pontevedra, Ponteareas, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Soutomaior, Tomiño e Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta