O auditor que non detectou irregularidades nas contas de Hostalaría de Santiago: "Creo que había unha loita de poder"

Un expresidente apunta que as contas "se presentaban cada exercicio e todo parecía normal" aínda que as facturas non se miraban "unha a unha".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/09/2023 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A sede en Santiago da Audiencia Provincial da Coruña acolleu este mércores a segunda sesión do xuízo contra cinco exdirectivos da Asociación de Hostalaría de Santiago e dous empresarios por supostamente falsificar facturas para conseguir case 300.000 euros en subvencións.

Despois de que na primeira sesión dous dos exdirectivos recoñecesen que empregaran estas facturas falsas (do mesmo xeito que os empresarios) a sala trata agora de dilucidar se o que era presidente de Hospedaxe e os extesoreiros eran tamén coñecedores desta situación, algo que eles negaron. Na sesión tamén se profundou sobre como era a relación entre a cúpula directiva e as posibles rifas ou relacións de confianza que existían entre eles.

Ante o tribunal prestou declaración como testemuña o auditor das contas da entidade nos anos nos que se produciron os feitos, que non detectou a existencia de facturas falsas aínda a pesar de que os libros de contas reflectían a saída dos importes das facturas falsas ás empresas que as realizaron e, pouco despois, un reingreso desde estas empresas polo mesmo importe.

A preguntas das partes, o auditor dixo que non detectou ningunha irregularidade neste feito porque "podería ser unha anulación da factura" e que non detectou os documentos falsos nin pediu máis explicacións ao contable respecto diso. Tampouco á hora de presentar as contas na súa auditoría se evidenciou esta situación, explicou a testemuña, xa que "non se vai factura por factura", se non que se deu unha explicación global das contas.

O auditor explicou que no seu traballo non interveu o que entón era xerente da entidade, que recoñeceu o uso de facturas falsas, e que os informes que emitiu eran "limpos". Ademais, destacou que, sobre todo ao final do seu desempeño profesional, a relación entre os directivos era mala: "Eu creo que había unha loita de poder aí", destacou.

"TODO PARECÍA NORMAL"

Tamén compareceu en sede xudicial un dos expresidentes da entidade, que no momento dos feitos seguía pertencendo á xunta directiva, e que apuntou que os presidentes facían na asociación un papel de "representación" e "non se metían" no traballo diario dos empregados. "Ningún membro da xunta directiva tomaba decisións sobre empresas a contratar, organizacións ou proxectos", aclarou, engadindo que as contas "se presentaban cada exercicio e todo parecía normal". Sobre o nivel de control que exercían os presidentes, apuntou que "se supuña que había honestidade". "Se dixese que non miraba as facturas, mentiría, pero se dixese que miraba as facturas unha a unha e comprobábaas, tamén estaría a mentir", dixo.

Xuízo en Santiago contra exdirectivos da Asociación de Hostalaría acusados de falsificar facturas para obter subvencións
Xuízo en Santiago contra exdirectivos da Asociación de Hostalaría acusados de falsificar facturas para obter subvencións | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta