O Sergas derivou a clínicas privadas o 35 % das interrupcións voluntarias de embarazo entre 2019 e 2022

Entre 2019 e 2022 o Sergas xestionou 11.756 interrupcións voluntarias de embarazo, das cales, 7.644 practicáronse en centros públicos e 4.108 en clínicas coas que a Administración públicia ten concertos para a práctica destas intervencións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2023 | Actualizada ás 14:46

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde derivou entre 2019 e 2022 ao 35 % das mulleres que acudiron á sanidade pública para someterse a intervencións cirúrxicas para interromper de forma voluntaria os seus embarazos. Así o sinalou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do BNG Montse Prado na Comisión 5ª do Parlamento galego, celebrada este xoves.

Alí, Aboal trasladou que entre 2019 e 2022 o Sergas xestionou 11.756 interrupcións voluntarias de embarazo, das cales, 7.644 practicáronse en centros públicos e 4.108 en clínicas coas que a Administración públicia ten concertos para a práctica destas intervencións. Ademais, outras 7.416 mulleres acudiron directamente a clínicas privadas para abortar.

A pregunta feita na Comisión de Sanidade pola parlamentaria nacionalista estaba orientada a demandar explicacións pola licitación este verán dun contrato por case 1,4 millóns de euros para os próximos tres anos (prorrogable a cinco) para practicar en clínicas privadas abortos en embarazos de menos de 14 semanas de xestación e sen risco.

Para a portavoz de sanidade do Bloque no Pazo do Hórreo, este contrato responde a razóns "ideolóxicas" dun PP "cada vez máis radicalizado" que permite que se practique a obxección de conciencia de forma "coordinada" e "moitas veces alentada" desde as xefaturas de servizo dos hospitais galegos. Prado preguntouse se "é tan difícil" programar "un aborto á semana" nos hospitais galegos, como así o revelan os datos de que se practica unha media de 57 ao ano por cada centro, o que levou a sentenciar que a Xunta non quere crear un rexistro de obxectores de conciencia para favorecer que estas intervencións se leven a cabo en clínicas privadas.

REXISTRO DE OBXECTORES DE CONCIENCIA

Durante as súas intervencións, Aboal e a deputada frontista encerelláronse pola interpretación do artigo da lei orgánica de 2010 que recolle o dereito ao aborto no que se establece a creación de rexistros de obxectores de conciencia. En concreto o artigo 19 desta normativa en vigor desde hai 13 anos establece que cada comunidade autónoma contará cun rexistro de profesionais sanitarios acollidos ao seu dereito a non participar de forma directa en prácticas de aborto, á vez que, a continuación, sinala que o Consello Interterritorial do Sistema de Saúde deberá crear un protocolo específico que recolla as "condicións mínimas" deste rexistro.

Así, Aboal destacou esta segunda cuestión para responsabilizar ao Goberno central da falta de "avances" na configuración de criterios para crear estes rexistros, mentres que Prado incidiu en que a Xunta obvia o primeiro punto dese artigo que implica ás propias comunidades na configuración dos mesmos.

Un bebé de poucos días de idade colle o dedo da súa nai
Un bebé de poucos días de idade colle o dedo da súa nai | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta