O BNG dá por bos os resultados

A Executiva remite un escrito aos militantes nos que destaca que os resultados “superan os obxectivos cuantificados fixados polo Consello Nacional” e que serán "decisivos" en tres deputacións. Con todo, recoñecen dificultades no entorno urbano.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/05/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os resultados obtidos superan, no fundamental, os obxectivos cuantitativos fixados polo Consello Nacional na súa reunión do 14 de marzo de 2015, en que, por unanimidade, acordaba tomar como referencia, para a súa mellora, os resultados das eleccións ao Parlamento da Galiza de 2012 (145.389 votos e unha porcentaxe do 10,16%), por marcar os ciclos políticos no noso país, e ser -o das autonómicas- o proceso electoral en que tradicionalmente o BNG obtén os mellores resultados”.

Executiva do BNG
Executiva do BNG | Fonte: bng-galiza.org

Esta é unha das explicacións que a Executiva Nacional do BNG lle remitiu aos seus militantes nunha circular á que tivo acceso Galicia Confidencial e que consta de sete puntos. Así, neste comunicado,  a dirección nacionalistas destaca que o proceso electoral “confirma que o pobo galego existe, tamén cun mapa político específico, e cunha expresión política propia: o BNG-Asembleas Abertas”.

Deste xeito, suliña que o nacionalismo galego segue sendo “un axente político significativo e imprescindíbel na Galiza”. “É o único elemento que permite confirmar a existencia dun mapa político propio, galego e diferenciado fronte ao resto do Estado”, asegura.

O BNG-Asembleas Abertas obtivo 189.106 votos e un total de 468 concelleiras e concelleiros, cunha porcentaxe do 12'9%. Uns datos inferiores aos obtidos hai catro anos pero que garante tamén a súa presenza nas catro deputacións provinciais. “En tres delas de xeito decisivo”, indica sobre as deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, onde podería co-gobernar. 

Por iso, avanza que a posición de voto na conformación das novas corporacións locais “será contrastada colectivamente, contando cos criterios local, comarcal e nacional, sen pactos nacionais mecánicos ou a calquera prezo, como ten previamente avaliado o Consello Nacional”.

“Con estes resultados, o BNG consolida posicións e recupera claramente o papel de terceira forza política no noso país”, recolle este escrito. Esta formación gañou alcaldías con maioría absoluta en 13 concellos (Allariz, Bueu, Castrelo de Miño, Ribadeo, Vimianzo, Zas, A Pobra de Brollón, Carballo, Carnota, Mazaricos, Moeche, San Sadurniño e Tomiño) e tivo alcaldías con maioría en Pontevedra, Poio, Rianxo e Santiso. Tamén ten “probabilidade aritmética de obtención de alcaldías” en, cando menos, Moaña, As Neves, Barro, Ponteareas, Fene, Muras, Viana do Bolo, A Mezquita, Pontecesures e Baños de Molgas.

Sen embargo, os nacionalistas tamén recoñecen que os resultados, “sendo dignos, non son satisfactorios para nós”, especialmente, polo resultado das grandes cidades, agás Pontevedra. “Aínda tendo presente o feito de as cidades representar o 35% do censo electoral -existindo por tanto outro 65% da poboación que habita noutros concellos- somos conscientes da súa importancia cualitativa. Lamentamos, en concreto, a perda de representación en Vigo e Ourense. Esta realidade confirma a necesidade de mellorarmos os métodos de traballo político, especialmente nos espazos urbanos”, apunta.

A Executiva nacionalista volve destacar, novamente, o traballo realizado pola súa militancia que foi, di, “clave” para “superar as limitacións dunha campaña en inferioridade de condicións a outras formacións que tiveron en algúns medios de comunicación bos valedores á hora de conformar tendencias de voto”.

“Finalmente, queremos trasladar unha mensaxe de ánimo e fortaleza. Fixemos unha campaña digna, de popularización da alternativa nacionalista para os concellos, nun contexto ben difícil, determinado pola preponderancia de dinámicas españolas á hora de condicionar o comportamento electoral do noso pobo. E todo isto coas nosas propias mans, coa forza da militancia e das mulleres e homes que acreditamos e defendemos unha Galiza soberana. Ese é o noso maior orgullo”, remata o escrito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 62 comentarios

23 Un calquera

E Anova? Fixo avaliacion dos resultados?. Criticamos ó BNG por non entrar en Ourense e Anova q tampouco entrou tivo uns bós resultados?, e a Marea artabra?. A ver eses críticos , non sexades sectarios, q parecedes da upg...

22 comunista independentista

Satisfeitos por xestionar derrotas, orgullosos da súa "pureza racial". Eis o BNG de 2015.

1 Independentista Comunista

30 anos a FPG dando pena con unha puñada de votos no Morrazo a base de recitais de poesía e agora dando leccións aos demais, toda vez que disolveu a súa organización e programa a cambio de migallos.

21 XanKaraLlás

Si, boísimos resultados. Co seu sectarismo e malia súa perda cada vez maior de votos, o BNG evita que o PPPSOE baixe aínda máis fronte as verdadeiras forzas de esquerda e nacionalistas.

1 ErreGá

CCOO é de esquerdas, non é? ;)

20 (b)Autista do Untamiento

Impresionantes resultados! Grandiosa forza! Excentes obxectivos! Magnificos cuantitativos! Bariles concelleiros electos! Superiores alcaldes! Imprescindible militancia compenetrada! Enorme Benega!

19 Comunista

Se facemos caso da doutrina do BnG, cada vez hai menos galeg@s en Galiza: un 10% escaso da poboación. O resto, TODOS españois.