A Xunta afrontará os orzamentos de 2026 “sen información do goberno”, segundo o PPdG

Considera así mesmo "incomprensible" que o BNG "continúe coa súa teima" do concerto económico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2025 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, lamentou que a Xunta teña que afrontar os orzamentos para o ano 2026 "sen a información do Goberno central", así como sobre as posibles entregas a conta. Neste sentido, asegurou que non teñen "esperanza" de que se lles faga chegar, posto que o Executivo central permanece sen orzamentos desde a pasada lexislatura e "está a atrasar a chegada das entregas a conta".

"O único que lles preocupa é aprobar a amnistía para tentar tapar os innumerables casos de corrupción que alagan a sede do PSOE e que salpica ao Goberno de Sánchez", destacou o portavoz do Grupo Popular. Fronte a isto, situou á Xunta, que iniciou xa o proceso para elaborar as contas do próximo ano e que Galicia "continúe na senda da estabilidade un ano máis".

Unhas contas nas que, puxo en valor, o Goberno galego "seguirá avanzando no cumprimento do programa electoral", con accións para "favorecer o desenvolvemento industrial e xerar emprego de calidade", así como impulsar "novos investimentos para transformación e modernización da sanidade", impulso ao turismo coa vista posta no Xacobeo 2027 e pasos en materia de vivenda, entre outras.

CONCERTO ECONÓMICO

Así mesmo, tachou de "incomprensible" que o BNG "continúe coa súa teima" de demandar un concerto económico para Galicia. Unha proposta que, en opinión de Alberto Pazos, "é rexeitada pola práctica totalidade dos expertos que pasaron pola Comisión". "Pero os nacionalistas continúan defendéndoa co único respaldo dun licenciado en Económicas e con carné do BNG", apuntou o portavoz parlamentario.

Ademais, cualificou como "moi demagóxico" afirmar que "España nos rouba 5.000 millóns ao ano" sen ter en conta "os servizos dos que gozamos os galegos e que son financiados polo Goberno central". Neste contexto, insistiu en que nin o PPdeG nin a Xunta están "dispostos a que os galegos perdan nin un só euro polo simple feito de compracer as ansias soberanistas de Pontón". Para o deputado, o que Galicia necesita é "unha reforma urxente" do sistema de financiamiento que contemple "o custo real e compense adecuadamente os factores que encarecen a prestación de servizos".

Unha cuestión que xa avanzou que seguirán demandando ata que o Goberno central "teña a ben" atendelos, aínda que coa "convicción" de que a reforma "non será posible ata que España estea gobernada por unha persoa que coñece as necesidades das comunidades". "E non é outra que Alberto Núñez Feijóo", reivindicou.

O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos. PPDEG
O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos. PPDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta