O BNG dá por bos os resultados

A Executiva remite un escrito aos militantes nos que destaca que os resultados “superan os obxectivos cuantificados fixados polo Consello Nacional” e que serán "decisivos" en tres deputacións. Con todo, recoñecen dificultades no entorno urbano.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 26/05/2015 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os resultados obtidos superan, no fundamental, os obxectivos cuantitativos fixados polo Consello Nacional na súa reunión do 14 de marzo de 2015, en que, por unanimidade, acordaba tomar como referencia, para a súa mellora, os resultados das eleccións ao Parlamento da Galiza de 2012 (145.389 votos e unha porcentaxe do 10,16%), por marcar os ciclos políticos no noso país, e ser -o das autonómicas- o proceso electoral en que tradicionalmente o BNG obtén os mellores resultados”.

Executiva do BNG
Executiva do BNG | Fonte: bng-galiza.org

Esta é unha das explicacións que a Executiva Nacional do BNG lle remitiu aos seus militantes nunha circular á que tivo acceso Galicia Confidencial e que consta de sete puntos. Así, neste comunicado,  a dirección nacionalistas destaca que o proceso electoral “confirma que o pobo galego existe, tamén cun mapa político específico, e cunha expresión política propia: o BNG-Asembleas Abertas”.

Deste xeito, suliña que o nacionalismo galego segue sendo “un axente político significativo e imprescindíbel na Galiza”. “É o único elemento que permite confirmar a existencia dun mapa político propio, galego e diferenciado fronte ao resto do Estado”, asegura.

O BNG-Asembleas Abertas obtivo 189.106 votos e un total de 468 concelleiras e concelleiros, cunha porcentaxe do 12'9%. Uns datos inferiores aos obtidos hai catro anos pero que garante tamén a súa presenza nas catro deputacións provinciais. “En tres delas de xeito decisivo”, indica sobre as deputacións de Lugo, Pontevedra e A Coruña, onde podería co-gobernar. 

Por iso, avanza que a posición de voto na conformación das novas corporacións locais “será contrastada colectivamente, contando cos criterios local, comarcal e nacional, sen pactos nacionais mecánicos ou a calquera prezo, como ten previamente avaliado o Consello Nacional”.

“Con estes resultados, o BNG consolida posicións e recupera claramente o papel de terceira forza política no noso país”, recolle este escrito. Esta formación gañou alcaldías con maioría absoluta en 13 concellos (Allariz, Bueu, Castrelo de Miño, Ribadeo, Vimianzo, Zas, A Pobra de Brollón, Carballo, Carnota, Mazaricos, Moeche, San Sadurniño e Tomiño) e tivo alcaldías con maioría en Pontevedra, Poio, Rianxo e Santiso. Tamén ten “probabilidade aritmética de obtención de alcaldías” en, cando menos, Moaña, As Neves, Barro, Ponteareas, Fene, Muras, Viana do Bolo, A Mezquita, Pontecesures e Baños de Molgas.

Sen embargo, os nacionalistas tamén recoñecen que os resultados, “sendo dignos, non son satisfactorios para nós”, especialmente, polo resultado das grandes cidades, agás Pontevedra. “Aínda tendo presente o feito de as cidades representar o 35% do censo electoral -existindo por tanto outro 65% da poboación que habita noutros concellos- somos conscientes da súa importancia cualitativa. Lamentamos, en concreto, a perda de representación en Vigo e Ourense. Esta realidade confirma a necesidade de mellorarmos os métodos de traballo político, especialmente nos espazos urbanos”, apunta.

A Executiva nacionalista volve destacar, novamente, o traballo realizado pola súa militancia que foi, di, “clave” para “superar as limitacións dunha campaña en inferioridade de condicións a outras formacións que tiveron en algúns medios de comunicación bos valedores á hora de conformar tendencias de voto”.

“Finalmente, queremos trasladar unha mensaxe de ánimo e fortaleza. Fixemos unha campaña digna, de popularización da alternativa nacionalista para os concellos, nun contexto ben difícil, determinado pola preponderancia de dinámicas españolas á hora de condicionar o comportamento electoral do noso pobo. E todo isto coas nosas propias mans, coa forza da militancia e das mulleres e homes que acreditamos e defendemos unha Galiza soberana. Ese é o noso maior orgullo”, remata o escrito.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 62 comentarios

13 Leirachá

Que curioso que cando os alcaldables da UPG perden son sempre uns lunáticos sectarios pero cando sacan maioría absoluta ou a rozan en realidade a xente votaba á persoa e non as ideas. Ide á merda, que se vos ve o plumeiro ás leguas.

1 Galahaz

A ver, meu. Lores tería gañado aínda que cambiara de partido porque os pontevedreses están moi contentos coa súa xestión destes últimos 16 anos. E a proba diso é que nas Autonómicas e Xerais quen gaña en Pontevedra cidade é o PP, non o BNG. Non hai máis cego que o que non quere ver. Se es un bo alcalde é doado reter o posto sexas do partido que sexas. Agora ben, hoxe en día para un "descoñecido" pasar da oposición á alcaldía baixo as siglas do BNG é practicamente imposíbel. Éche o que hai.

12 observador

Aprendamos da historia. Anos 70. Primeiras eleccións democráticas. O nacionalismo galego busca o seu sitio. Moitos nacionalistas deixan os grupos con sede en GAlicia AN-PG, PSG, e incorpóranse a un proxecto progresista, a nivel español para reformar España. Son nacionalistas, marchan para a Marea, tamén había Marea daquela, chamábase PSOE. O PSOE tivo marea alta moitos anos, Xerardo Estévez, Ceferino Díaz...tantos outros...PSdG-PSOE vente á marea, nós tamén somos nacionalistas, somos galeguistas, somos... do PSOE...Beiras daquela tivo unha depresión, non quixo ir, e xuntouse coa AN-PG para fundar o BNG. O que esquece a súa historia está obrigado a repetila....

1 pico fino

A historieta que a ti, obediente do BNG, che interesa lembrar! Ou falamos do Partido Galeguista entrando na Frente Popular? Falamos de Castelao e Bóveda? Hoxe do BNG sería Filguera Valverde e Risco, contrarios ao novo Frente Popular! Manipular a figura do Beiras, cando está vivo e mesmo non concorda hoxe co que apuntas, non vas lonxe demais? Tanta obediencia xa fede, observador interesado!

2 observador

Filgueira Valverde e Risco estarían en CxG máis dereitosa para eles. Eu só obedezo a forzas de ámbito galego, dirixidas desde Galicia. As mareas hainas na Coruña , en Valencia, en Barcelona, en MAdrid. E haberíaas igual inda que Anova con 4 militantes coruñeses non participase nelas...sodes uns vasaliños do poder estatal e non o queredes ver... o BNG é o menos malo para Galicia de lonxe, porque non hai nada máis...

11 Galahaz

No hipotético caso de se teren presentado Martiño Noriega e Xulio Ferreiro ás alcaldías de Compostela e A Coruña respectivamente baixo as siglas do BNG, Anova, CxG ou calquera outro partido nacionalista/galeguista, hoxe en día non serían os futuros alcades nin de carallada, e eles sábeno, e moi probabelmente, no caso de se presentaran por Anova ou CxG, nin sequera entrarían no consistorio. O tempo dirá cara onde nos leva esta fuxida cara diante e este afán de certos nacionalistas de "ocultarse" en mareas e demais. Se nas Xerais se presentan BNG, Anova (ou AGE), CxG e Podemos por separado, o PP arrasará en escanos e o nacionalismo galego volverá ficar sen representación no Congreso máis de 20 anos despois, e se a situación se volve repetir nas Autonómicas do ano que vén, o nacionalismo virará definitivamente residual. Agardemos acontecementos, pero eu sigo sen velo claro.

1 Galahaz

Dito o cal, agardo de verdade que o BNG espabile dunha pvta vez, creo que xa foron bastantes ostias as que vén acumulando nestes últimos anos, e terán que comezar a considerar que é o que está a fallar. Eu, compostelán, e votante do Bloque de toda a vida, desta volta pasei deles porque non me entra na cabeza que sigan poñendo a mediocres como Cela de cabeza de lista. Así é imposible ilusionar ou mobilizar ao electorado. O caso é que iso das Mareas tampouco me convence e CxG penso que o vai ter moi complicado para poder xogar o día de mañá un papel máis ou menos relevante na política galega. En fin, non podo deixar de pensar que entre a incompetencia e mediocridade duns e a indifinición ideolóxica dos outros non estamos a facer outro cousa máis que póndolle unha ponte de prata aos de Podemos para arrasar co voto de esquerda nas xerais deste ano e nas galegas do ano que vén. O tempo dirá...

2 anonimo

Seguro? Vigo e Ferrol tiveron alcaldes do BNG, claro que daquela o Bloque era outra cousa! En Valencia os de Compromis sábese quen son, igual que Ada Colau en Barcelona, logo menos medo! E se lle votan a Lores, o "caballero" do BNG de Pontevedra! O problema é a devaluada marca do BNG, non do nacionalismo nin da esquerda. A marca BNG, igual que Partido Podre ou P$oE, está agotada!

3 Antonimus

É certo, opino o mesmo, a marca BNG está esgotada. Houbo un momento que había que facer limpeza de todos os ladróns e corruptos peperos. Non se fixo...e diante da poboación quedamos coma complices por non facer aquelo que se esperaba de nós. Dalía arranca o problema. Hai que reaccionar, refundarse, constituir algo novo..., superar "afrentas", mirar cara diante, non podemos vivir continuamente a hostias entre nós. É elixir o camiño de encarar o futuro, poñerse ao fronte ou o camiño de irse ao rincón e manterse na marxinalidade.

4 Galahaz

Si eu estou de acordo. O BNG como marca está esgotada pero pór mediocres nos postos de saída non axuda. Pero é realmente o camiño axeitado xuntarse con Esquerda Unida, Podemos e todos eses para tentar acadar cotas de poder? Non sería mellor artellar un movemento alternativo ao BNG integramente galego? Porque dá a sensación de que para triunfar electoralmente o que se busca desde certos sectores do nacionalismo é precisamente renunciar ao "nacionalismo" ou polo menos non recoñecelo expresamente. Eu penso que non é o camiño, e que de cara ás autonómicas e xerais as mareas, a pesar de estaren lideradas por xente ex-bng, o que lle están a facer é o traballo sucio e de implantación a Podemos. É simplemente unha reflexión, nada máis. Non sei que sairá de aquí sinceramente. Pablo Iglesias saiu onte arrogando o éxito das mareas galegas, e desde os medios de Madrid tamén se vende esa idea. Cumpriría reflexionar sobre iso.

10 sela

Excelentes resultados para o BNG! Excelentes para o PP! No rural, claro está! Unha mágoa que os que marcan tendencia, a vangarda sexa urbana... Logo poden presumir! O cambio comezou, e o Bloque non estaba ese día... Os trinta votos de Vence en Avión, para anticiparse à incapacidade de conformar listas, deixano en evidencia. Seguimos agardando disculpas por ter insultado aos nacionalistas do concello! Igual que esperan en Arbo, onde o PP, con menos votos, gobernará grazas a que o BNG presentou candidatura e restou aos alternativos... Dous exemplos que ilustran a liña do BNG: terra queimada ou baixo control!!!

1 Xistral

Os alternativos tamén restaron ao BNG en moitos sitios... Equivocarse de inimigo non creo que sexa moi intelixente por ningunha das dúas partes

2 caselas

E que o digas ti, Xistral, que moito te esforzaches en despeciar e ata ridiculizar neste dixital as mareas e a Martiño Noriega, ten valor! Comeza por pedirlle responsabilidades ao teu amo para que acreditemos na túa sinceridade!

3 buli

Com efeito, vejo muitos apelos à que o bng deve apoiar mareas,mas esses mesmos nom dim o mesmo em sentido recíproco. E assi nom vamos a nengures .

9 galego non cainita

Hola, porqué hai xente que se alegra e reprocha que o BNG non teña acadado representación en Ourense?... e non dí nada de que a alternativa que son ó nacionalismo galego CxG e Anova tampouco a teña?. Non vos dades conta de que sodes uns cainitas e uns quintacolumnistas do nacionalismo galego?. No mitin da marea na Coruña pecharonse as portas e megáfono na man pediuse perdón en español por non ter un aforo máis grande. Só é unha anécdota, pero o uso público do galego non é reivindicado para os poderes públicos como apoio á dignificación da língua?...