O PPdeG afea ao Goberno a "poxa millonaria" pola investidura: "Máis Sánchez significa menos Galicia"

Paula Prado referiuse aos "desprezos" do Executivo central a Galicia en materia de infraestruturas ou transportes, por "aprazar" a chegada de trens de alta velocidade ao resto de Galicia, ou por non querer transferir a AP-9, porque en lugar de que sexa xestionada "polos galegos e galegas" prefire que se xestione "desde un despacho de Madrid".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2023 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

O PPdeG volveu a censurar este venres a actuación do Goberno de España en funcións, que ve "instalado nunha poxa millonaria" cos partidos independentistas para lograr a investidura do candidato socialista, e proclamou que o seu partido "seguirá traballando por menos Sánchez e máis Galicia".

Así o trasladou a secretaria xeral dos 'populares' galegos, Paula Prado, durante a súa visita a un concesionario de vehículos en Santiago de Compostela. Alí, Prado puxo en valor as medidas adoptadas en Galicia pola Xunta para beneficiar aos cidadáns, a última delas a rebaixa do imposto de transmisión de vehículos de segunda man a partir de 2024, unha medida "pensada con sentidiño, pensando nas familias e en reducir os seus gastos".

Mentres, contrapuxo, o Goberno de España "non adopta medidas que alivien os gastos das familias" a pesar do contexto de "inflación desmesurada", e centra os seus esforzos nesa "poxa" con independentistas cataláns e vascos para garantir a investidura de Pedro Sánchez. Todo iso mentres o independentismo galego, o BNG, quedou "reducido á irrelevancia" tras "comprometer" xa a noite electoral do 23X o seu apoio ao candidato socialista "a cambio de nada para Galicia".

Así mesmo, Paula Prado referiuse tamén aos "desprezos" do Executivo central e do PSOE á Comunidade galega en materia de infraestruturas ou transportes, por "aprazar" a chegada de trens de alta velocidade ao resto de Galicia, ou por non querer transferir a AP-9, porque en lugar de que sexa xestionada "polos galegos e galegas" prefire que se xestione "desde un despacho de Madrid".

A secretaria xeral do PPdeG concluíu que "máis Sánchez significa menos Galicia" e os 'populares' están "a traballar por menos Sánchez e máis Galicia". "O presidente Sánchez ten que dicir con quen está a pactar, e a cambio de que está a pactar", advertiu, con respecto á investidura. Finalmente, repetiu a mensaxe do seu partido sobre a discriminación a Galicia: "Nós non queremos máis que ninguén, pero non imos consentir que Galicia reciba menos que outros territorios".

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nunha visita ao concesionario Vayper Automoción de Santiago de Compostela
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nunha visita ao concesionario Vayper Automoción de Santiago de Compostela | Fonte: PP DE GALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta