Como conseguir axudas para autoconsumo eléctrico con enerxías renovables

Poden beneficiarse empresas cunha porcentaxe que oscila entre o 15 e o 65% e particulares, autónomos ou entidades sen ánimo de lucro.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/10/2023 | Actualizada ás 04:00

Comparte esta noticia

Estás interesado en ter incentivos para o autoconsumo eléctrico con enerxías renovables?. Hai diversas axudas, procedentes dos fondos europeos e incluídas no Plan de Recuperación. Son de concorrencia non competitiva e o prazo permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2023.

Placas solares. FUNDACIÓN RENOVABLES - Arquivo
Placas solares. FUNDACIÓN RENOVABLES - Arquivo

Ata o momento, o Inega xa concedeu 3.270 axudas para enerxía fotovoltaica por un importe de 34,8M€. De feito, a Xunta duplicou o orzamento inicial, con máis de 60 millóns, das liñas de axudas dirixidas a proxectos de autoconsumo eléctrico e almacenamento con enerxías renovables. Inclúense varias liñas dirixidas a fomentar o autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas, por unha parte, e en fogares, administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro, por outra. 

Estes incentivos tamén chegan ás empresas e poden ser beneficiarios das mesmas as de servizos enerxéticos; os xestores de polígonos industriais; as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas; e comunidades enerxéticas locais. As axudas, contarán cunha porcentaxe que oscilará do 15 ou 65% en función do tamaño da empresa, do tamaño do proxecto e da tecnoloxía.

Outra liña está destinada a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. Neste caso a intensidade de axuda varía en función da instalación pero agárdase un aforro anual na factura enerxética de ao redor de 5M€.

A Xunta insiste no seu compromiso co impulso dunha Galicia máis verde, fomentando o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios -fogares, empresas e administracións- co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Así, suliña que estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.

AXENDA ENERXÉTICA

As axudas responden á aposta da Xunta de Galicia por apoiar o desenvolvemento das enerxías renovables en todos os ámbitos, así como impulsar o autoconsumo, obxectivos recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030.

"Con esta folla de ruta preténdese camiñar cara a unha Galicia neutra en carbono no 2050, diminuíndo a dependencia enerxética do exterior, descarbonizando os sectores económicos e sociais, posicionando Galicia como un polo enerxético innovador e apostando por unha industria eficiente e sostible ademais de axudar ás familias con medidas que favorezan o aforro e a eficiencia enerxética á vez que se promoven aforros económicos nas facturas enerxéticas", destaca a Consellería de Economía.

Para conseguir todos estes obxectivos, a Axenda fixa 56 medidas concretas ao redor de sete eixes de actuación. O primeiro céntrase no desenvolvemento de enerxías renovables. Así buscarase un incremento desta tecnoloxía aproveitando os recursos enerxéticos locais, así como impulsando o almacenamento e o autoconsumo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta