Temas: FUXIDAS

Cervexa artesá para a arqueoloxía en comunidade

Este sábado 6 de xuño terá lugar a I Festa da Cervexa do Castro da Cabeciña en Mougás, Oia. Durante a xornada se probarán cinco tipos de cervexas creadas polos cervexeiros de Trisk-Ale. Escollerase a que máis guste para bautizala co nome do castro, coa idea de promocionar o xacemento a través da comercialización da cervexa A Cabeciña.

Por GC Tendencias | Mougás | 01/06/2015 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Petróglifos de A Cabeciña
Petróglifos de A Cabeciña
Visita guiada ao castro da Cabeciña en marzo

Trátase dunha iniciativa singular para dar a coñecer un lugar de enorme interese histórico e paisaxístico: o conxunto arqueolóxico de A Cabeciña. A Comunidade de Montes leva apostando polo xacemento dende 2011 cando se iniciaron os primeiros labores de limpeza para apreciar mellor os petróglifos situados a escasos metros da muralla do castro. Cada ano o traballo foi a máis, ata que fai uns meses iniciouse unha campaña de escavación. Foi un proxecto valorativo no que os resultados foron impresionantes, xa que se revelaron tres períodos de ocupación do xacemento.

A escavación confirmou o enorme potencial do castro da Cabeciña e a súa importancia para a costa sur de Galicia, motivando aínda máis aos comuneiros de Mougás a dar a coñecer o seu patrimonio. Este é o obxectivo final desta I Festa da Cervexa da Cabeciña, que conta coa colaboración non só dos cervexeiros de Trisk-Ale senón de toda a comunidade local que se une para ofrecer unha xornada moi completa.

Será unha festa familiar con música, actividades infantís, comida tradicional e outras sorpresas para pasar unha xornada agradable ao aire libre. A Festa da Cervexa englóbase dentro do programa de actividades culturais de Proxecto Mougás, un proxecto promovido pola Comunidade de Montes de Mougás e que mestura arqueoloxía, xestión forestal, xestión turística e didáctica.

O obxectivo da festa é “dinamizar a Cabeciña, dála a coñecer á xente ao tempo que demostramos que un castro tamén pode ser un espazo público no século XXI para a celebración de eventos culturais” comenta Xosé Gago, coordinador de Proxecto Mougás.

A Cabeciña
A Cabeciña

A I Festa da Cervexa Artesá da Cabeciña terá lugar este sábado 6 de xuño, a partires das 12:00 e ata as 19:00 no complexo arqueolóxico da Cabeciña.

552139_396151673825712_999837618_n

Labores de limpeza na muralla do castro no verán de 2014

O Programa

Durante a xornada haberá multitude de actividades para todos os públicos coa idea de que os asistentes pasen o día enteiro na Cabeciña.  As billas de cervexa abrirán ás 12:00. Seguidamente, o actor Avelino González, coñecido polo seu papel de “Miñato” en Padre Casares ofrecerá un divertido pregón. Avelino dará paso á sesión vermú, a partir das 13:00, a cargo da Charanga Nova Cubana.

Despois da sesión vermú, deixarase tempo para a comida. A organización preparará postos de comida a prezos populares para os asistentes.

A partir das 16:00 retomaranse as actividades cunha visita guiada ao xacemento. Despois da visita volverá a música á Cabeciña a cargo do Grupo de Gaitas Balcón do Val Miñor (Morgadáns). Ás 19:00 será o peche de billas de cervexa e a festa concluirá.

Ademais, durante toda a xornada o canteiro Xabi Garrido estará realizando “in situ” unha réplica dun dos petróglifos da Cabeciña. A peza resultante, será logo sorteada entre os participantes nunha rifa.

“Non queremos facer un botellón. Trátase de facer moitas actividades para todos os públicos, que a xente non se aburra” sinalan dende a organización. “Será unha romaría moderna, polo que recomendamos que a xente traia toallas ou manteis ou mesmo sombrillas para protexerse do sol.”

Actividades infantís

Pensando nos máis pequenos faranse uns obradoiros de Arte Rupestre a cargo de Auri e Isa de A Roda. Os nenos participantes recibirán unha breve explicación adaptada dos petróglifos para logo realizar un mural con motivos da arte rupestre galega.

Realizaranse catro quendas con dez prazas cada un. Os horarios serán ás 13:00, 14:00, 16:00 e 17:00. Para apuntarse, poden escribir ao enderezo electrónico info@proxectomougas.net.

Unha fin de semana completa

Unha vez rematada a festa na Cabeciña, na Casa Cultural de Mougás, proxectarase a final de Champions League para quen queira asistir.

Ademais, ao día seguinte, domingo 7 de xuño, celébrase o Curro de Torroña, polo que resulta unha fin de semana intensa e chea de actividades. Unha ocasión única para achegarse a coñecer a zona.

Para a xente que veña de fóra, hai opcións de durmida ao pé do castro a prezos moi económicos tanto no Hotel Peñasco, Cámping O Muíño, Albergue Aguncheiro ou Cámping Mougás.

552139_396151673825712_999837618_n

As cervexas

O obxectivo principal da xornada é o de probar cinco estilos de cervexa diferentes elaborados polos cervexeiros de Trisk-Ale. Destas cinco cervexas sairá unha elixida que será comercializada coa marca A Cabeciña.

Para que todo o mundo poida probar todas as cervexas, estas terán un prezo moi popular, de 0´50€ cada caña. “O valor real destas cañas andaría polos 2´50€ como pouco, pero faise un esforzo para achegar a cervexa artesá a todo o mundo e que poidan opinar” sinala Andrés de Trisk-Ale.

Os irmáns Andrés e Roberto da cervexeira Trisk-Ale de Nigrán, foron os encargados de elaborar as cinco cervexas artesás que se van degustar. “Elaboramos cinco tipos de cervexa, en cinco estilos diferentes para poder elixir a definitiva. Estamos moi contentos co resultado,” sinalan.

Os estilos de cervexa propostos para as probas son unha Pale Belga, dúas Pale Ale de carácter máis inglés, unha Red IPA de corte americano e por último unha Strong Scottish Ale. Esta última é unha cervexa de carácter moi especial, máis sofisticada e con maior graduación alcólica.

O Castro e o Proxecto

O Castro da Cabeciña vén de ser escavado recentemente no marco do Proxecto Mougás, revelando tres períodos de ocupación e importantes achados da Idade de Ferro.  

Pero “non se trata só de escavar un castro ou de substituír eucalipto por castiñeiro. Trátase de rexenerar o tecido rural, de ter unha idea de pobo e querer mover a economía. A Festa da Cervexa encaixa perfectamente na estratexia” comenta Venancio Miniño, presidente da Comunidade de Montes de Mougás.

Para máis información podedes visitar proxectomougas.net ou a páxina de Facebook Proxecto Mougás.

552139_396151673825712_999837618_n

O conxunto arqueolóxico de A Cabeciña visto dende arriba

Temas: FUXIDAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta