A Galicia que Franco matou cun golpe de Estado e unha represión brutal sen opción a defensa

'Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras' é unha obra que recolle a evolución da Guerra Civil e do franquismo, que tivo o seu reflexo nos territorios que caeron primeiro no poder dos golpistas, como foi o caso de Galicia. O historiador Francisco Jorge Leira explica que os golpistas "comezaron a empregar unhas políticas moi semellantes ás que usou o réxime franquista despois de 1939 cando gañaron a guerra no resto do Estado".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/11/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O franquismo foi unha época negra da Historia española da que aínda hoxe por hoxe persisten físgoas. O que sucedeu máis aló de 1939, dende o remate da Guerra Civil, ata 1975, coa morte do ditador Francisco Franco, é algo que se sabe moi ben, pois foi moi estudado ao longo do tempo, pero para comprender o que foi o franquismo como tal hai que retroceder ata as súas orixes, que non están tras o remate da Guerra Civil, senón no golpe de Estado e en todo o que trouxo consigo para Galicia (e tamén para en Navarra, León e moitas partes do sur de Andalucía).

Portada do libro 'Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras'
Portada do libro 'Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras' | Fonte: Cedida

Nestes lugares, como explica o historiador Francisco Jorge Leira Castiñeira, os golpistas "comezaron a empregar unhas políticas moi semellantes ás que usou o réxime franquista despois de 1939 cando gañaron a guerra no resto do Estado". Entre elas destaca a violencia, a exposición de valores católicos a través da Igrexa e das organizacións de mulleres, a represión da lingua galega, a depuración de cargos públicos e a incorporación de outros novos, moitos que viñan da República e mesmo da ditadura de Primo de Rivera e outros que non...

Todo isto e moito máis aparece reflexado no libro 'Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras', que "permite amosar unha perspectiva máis desa política importada polo franquismo, indo un paso máis atrás do ano 1939, no que se queda moita xente, porque hai moitas máis cousas antes que serven para entender todos os procesos posteriores". A historiagrafía española, a miúdo, tratou de explicar a construción sociopolítica da ditadura franquista a partir da finalización da Guerra Civil ou ben puxo como data de comezo o primeiro goberno franquista, cando comeza a ter presenza na toma de decisións Serrano Suñer. Con todo, é importante remarcar que sen un golpe de Estado previo, non tería habido unha Guerra Civil e, sen ela, non tería accedido ao poder mediante as armas Francisco Franco.

Así que, antes do sucedido ao longo de 1938 (como a toma de Madrid e Cataluña) ou tras a contenda, os golpistas, como explica Leira, comezaron nas zonas controladas por eles, como era o caso de Galicia, a exercer a represión mediante as extorsións, estando en vías de facer un golpe de Estado, "pero non como no século XIX, senón usando a violencia, é dicir, cunha compoñente fascista detrás desta forma de primeiro golpe de Estado". Así, "tentouse chegar ao poder a través das armas e da violencia, de xeito que toda a sociedade tiña que estar a favor do golpe de Estado ou se non serían pasados polas armas", apunta.

Como o lograron? Principalmente a través das milicias (obreiros e campesiños que, moitas veces, empuñaban as armas por ver primeira), "unha trama civil que non foi tan voluminosa como se quere poñer dende a propaganda fascista ou como logo permaneceu na memoria social", pero que "si serviu para impoñer a orde a través do terror". Posteriormente, comezaron a impoñer orde a través da "xustiza militar, unha das armas máis importantes", como explica Leira, que se sumou á "limpeza dos poderes públicos para substituílos por uns novos, dende os alcaldes das cidades máis pequenas ata os gobernadores civís e militares, poñendo a dedo a xente nas universidades e depurando así todos os colexios e centros educativos, pasando polas armas a moitos membros da orde pública, como a Garda Civil e o exército".

En definitiva, moitos comportamentos que logo se acrecentaron e se impuxeron a partir do ano 1939, no comezo do franquismo. Precisamente por esa semellanza, a primera parte do libro versa sobre como era a sociedade galega antes do golpe de Estado. "Atopámonos cunha sociedade que, a pesares de ser eminentemente rural, estaba ao tanto da actualidade política, é dicir, estaba politizada e sabía o que ocorría, polo que aínda sendo analfabeta na maior parte non era unha sociedade atrasada como moita xente quixo poñer á Galicia daquel tempo, usando como sinónimos sociedade rural e sociedade analfabeta", denuncia Leiro.

De feito, nas cidades, aínda que de aquela aínda non eran moi grandes en tamaño, houbo moita xente que se opuxo ao golpe de Estado de maneira férrea, "o que pasa é que non foi suficiente como para que puideran facer fronte aos golpistas, que xa tiñan todo o resorte do seu carón", afirma o historiador. De aí, dese intento por acalar a unha sociedade galega que se opuxo ao golpe, veñen as matanzas tan elevadas dos primeiros meses e ata finais do ano 1937, sendo "moi elevados os mortos tanto na Galicia rural como fóra do rural". 

O retroceso na mentalidade quedou máis que patente tamén na volta á moral católica, que se foi xestando pouco a pouco a través da escola e organismos como a Sección Femenina (unha rama feminina do partido Falange Española de las JONS encargada de adoctrinar a mulleres para que asumiran que o seu obxectivo principal na vida era casarse e ter fillos), e tamén a través da propia Igrexa.

"O que se fixo con isto foi retroceder moitos anos nesa loita que tiñan as mulleres por rachar o teito de cristal, foi un momento de 'impass' na loita das mulleres e na súa participación na vida pública, pois moitas delas tiveron que volver ás súas casas e se lles impuxo esa moral católica de que tiñan que estar na casa e ser boas mulleres, esposas e nais, sen saír do lugar, porque, do contrario, eran sinaladas socialmente", expón Leira.

Por todo isto e moitas outras cousas o libro 'Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras' é unha lectura obrigada. "É interesante porque reúne todo ese proceso de cambio ata os anos 60 e fai unha retrospectiva a través da historiografía, a literatura e a didáctica do que foi o noso pasado recente", conta Leira, que asegura que "todas as aportacións nel contidas, non moi longas, serven para entender un pouco máis o que foi aquela realidade dende diferentes ópticas, dende a óptica da matanza das mulleres e da violencia de xénero que houbo durante a guerra ata o recrutamento forzoso da sociedade civil para loitar na guerra, pasando pola prostitución encuberta que permitiron que seguise existindo a pesares de impoñer na sociedade unha moral ultracatólica e polo proceso de levar todo ese pasado ás aulas a través de institutos e escolas".

A obra está coordinada por Lourenzo Fernández Prieto, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e membro da Real Academia Galega (RAG), e polo propio profesor Francisco Jorge Leira, da Universidade Isabel I. Neste estudo, ademais, participan investigadores das tres universidades galegas e historiadores procedentes do mundo societario, de todos os campus galegos e de tres grupos de investigación (Histagra, Hispona e HC1 da UVI), así como o Instituto da Lingua Galega. Especialistas en historia, socioloxía, didáctica, xurídica ou filológos, todos eles abordan un estudo sobre as singularidades do territorio español nos procesos do seu tempo, pero contextualizados, polo que o estudo recolle unha serie de procesos máis amplos que os que se refiren a Galicia. 

En conxunto, a obra recolle a evolución da contenda que tivo o seu reflexo nos territorios que caeron primeiro no poder dos golpistas, como é o caso de Galicia. Para o historiador non se pode entender como se desenvolveu a historia nestes territorios se non comprendemos a lóxica da ditadura imposta no resto do Estado, e esta idea constitúe o xerme e desenvolvemente da publicación. Nela participan especialistas como Francisco Caamaño (ex ministro de Xustiza e profesor da Universidade da Coruña), Julio Prada (Universidade de Vigo), Henrique Monteagudo (Universidade de Santiago e secretario da Real Academia Galega), Dolores Vilavedra (USC), Dionisio Pereira, Eliseo Fernández ou Ana Cabana (USC).

O libro, ademais, foi prologado por Pablo de Greiff, relator especial sobre a Promoción da Verdade e a Xustiza e Reparación das Nacións Unidas, que na actualidade é o Comisionado para a Guerra de Ucraína da ONU. E a fotografía de portada representa o cambio que supuxo o golpe de estado, dunha sociedade modernizada a unha paramilitarizada. O traballo está publicado por Prensas Universitarias de Valencia, que na actualidade atópase na décimo terceira posición na clasificación editorial realizada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Gamela

Noraboa pola portada... (non ten autor a composición?) Do resto falamos outro día, se intervén o Lourenzo Fernández Prieto xa podemos supoñer de que vai a cousa... Segundo el Camilo José Cela foi un delator ben pagado pola ditadura... Aínda agardamos ver as probas que ten para soster esa burrada no seu discurso de entrada á Academia da Lingua Galega ?

1 Tino

O sr. Gamela como non, sempre defendende aos feixistas...

2 Gamela

Está ben saber que pedir "probas documentais" a un Historiador é defender o fascismo ! Sabes que o lema de Cela era "O que resiste, gaña" (pois a ver se os que hoxe sacan a lingua a pacer, moveron un dedo na ditadura como fixo no seu día Cela...) Pero sempre se pode tildar a quen fai a crítica de fascista e non dar resposta algunha á cuestión... Diso sabemos moito nestes días de mentiras e medias verdades... non si ?