Oncólogas apelan á detección precoz para afrontar o cancro de mama: "Por cada cen casos en mulleres, hai un en home"

Hai máis de tres millóns de casos de cancro de mama a nivel mundial. En España, en 2022, houbo 35.000 novos casos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2023 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

Oncólogas apelaron á detección precoz para localizar a tempo os casos de cancro de mama, nunha rolda de prensa ofrecida na Coruña e no marco de distintas iniciativas na comunidade autónoma como a cadea humana que se celebrou na praza de Lugo, na cidade herculina. Foi con camisetas rosas como símbolo da loita contra esta enfermidade e no marco do Día Mundial contra o Cancro de Mama, dentro dos actos programados pola Asociación Española contra o Cancro.

Así o expuxeron, nunha comparecencia ante os medios, a oncóloga Silvia Antolín, do complexo hospitalario universitario da Coruña, e Laura de Paz, xefa do servizo de oncoloxía do complexo universitario de Ferrol. "É un día de concienciación", sinalou a doutora Antolín que lembrou que hai máis de tres millóns de casos de cancro de mama a nivel mundial. "En España, en 2022, houbo 35.000 novos casos", expuxo. Ademais, incidiu en que por cada cen casos de cancro de mama en muller hai un en home.

"A supervivencia duplicouse", apuntou tamén para remarcar, a colación, a necesidade de que se acuda ás revisións para a detección precoz e que se aborde a situación daqueles pacientes que pasaron o tratamento ou están con el para "aumentar a súa calidade de vida". Por outra banda, instou a non caer no sedentarismo e manter unha dieta equilibrada.

Pola súa banda, Laura de Paz resaltou o labor dos investigadores e as investigadoras para que os especialistas poidan "mellorar o tratamento" dos pacientes e a ambos agradeceu o seu labor, a uns pola que desenvolven no ámbito da investigación e a outros por participar nesta. O mesmo fixo Clotilde Costa, que expuxo o labor que realizan no seu caso, para investigar no cancro de mama metastásico de face a "identificar biomarcadores e dar ferramentas aos oncólogos". "Aínda queda moito por conseguir, pero non dubidemos en acudir", insistiron desde o colectivo de pacientes e voluntarias sobre os controis preventivos, ademais de agradecer o labor da Asociación Española de Loita contra o Cancro.

Cadea humana polo cancro de mama
Cadea humana polo cancro de mama | Fonte: ASOCIACIÓN ESPAÑOLA CONTRA O CANCRO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta