Sánchez-Aguilar, doutora do CHUS: "A ninguén se lle ocorre darlle un cigarro ao seu neno, pero si poñelo ao sol na praia"

O 50 % das persoas maiores de 65 anos van a desenvolver un ou máis cancros de pel. Na sociedade actual, o 61 % da xente cre que estar moreno é bo, é atractivo e por iso acoden tanto á praia no verán como ás cabinas de bronceado, cuxo uso sistemático antes dos 30 anos multiplica por seis o risco de melanoma na idade adulta.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/10/2023 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

Ir á praia é unha das actividades favoritas para moitos galegos despois de pasar moitos meses nos que nin cheiran o sol, entre as nubes e as choivas. Sen embargo, a proteción fronte aos raios solares segue a ser unha tarefa pendente para a maior parte da sociedade. E, para a outra, só se cre necesaria neses meses de verán nos que peta o sol. Cando o certo é que sol, aínda que non o vexamos, hai sempre, polo que é importante aplicar cremas con factor protector sempre. O cancro de pel está á orde do día e, aínda que o que máis mata sexa o de pulmón, fumar fuman certas persoas, pero á praia vai todo o mundo, e todo o mundo se queimou algunha vez na vida tras estar tumbado na area morenando.

Camioneiro avellentado polo sol nun lado da cara / http://www.nejm.org
Camioneiro avellentado polo sol nun lado da cara / http://www.nejm.org

Como expón Dolores Sánchez-Aguilar Rojas, facultativa do Servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), e participante na 'II Xornada Galega de Saúde Pública', o sol é unha fonte de enerxía, de luz e de calor. Sen o sol a vida na Terra non sería posible. Ademais, está demostrado científicamente que ten unha influencia moi positiva sobre a nosa saúde, pois a vitamina D é importante para que se metabolice o calcio e o fósforo, tendo tamén un efecto beneficioso sobre o noso estado anímico. Moita xente en días chuviosos atópase triste e decaída, mentres que en días con maior luminosidade está mellor. E hoxe por hoxe xa é habitual que as axencias meteorolóxicas informen non só do tempo que vai facer, se vai chover ou se vai facer calor, senón tamén do nivel de radiación que haberá.

Con todo, "non hai que esquecer que o sol tamén ten outros efectos non tan favorables", advirte Sánchez-Aguilar, que indica que a radiación que chega á superficie terrestre é de diversos tipos, pero a máis importante a ter en conta é a radicación ultravioleta A e B, porque "hai unha serie de factores ambientais que axudan a bloquear parte da ultravioleta D, como poden ser as nubes ou a contaminación". Así, esta atópase máis presente en "zonas altas onde pode filtrarse mellor ao haber menos nubes; en función da latitude, porque a medida que nos achegamos ao ecuador os raios do sol inciden máis de maneira perpendicular; en función da estación, sendo nas horas centrais do día cando máis quenta; e segundo a capacidade de reflexión da superficie na que nos atopemos, pois a neve non reflicte igual que a auga ou o cemento". 

E cales son os efectos perxudiciais destes raios solares sobre a nosa pel? A doutora Sánchez Aguilar asegura que "os inmediatos están claros: poñémonos ao sol, non nos protexemos, aínda que sexa de maneira inconsciente porque fumos dar un paseo e facía máis sol do que pensabamos ou de maneira consciente porque fumos á praia a poñernos morenos, e queimámonos". Pero, o máis grave, é que tamén hai efectos secundarios que "tardáronse en relacionar co sol, entre eles, o máis evidente é a fotocarcinoxénese, pero tamén hai que ter en conta o fotoavellentamento". Sobre este último hai moitos traballos. Un deles amosou o rostro dun condutor de transporte de mercadorías que traballara toda a vida conducindo un camión. Pola fiestra o sol incidíalle directamente sobre un lado da cara, e non sobre o outro. O resultado era alarmante: un lado semellaba queimado mentres o outro seguía liso. Outros efectos relacionados con patoloxías dermatolóxicas son a fotodermatose ou a fotosensibilidade.

A CARCINOXÉNESE ORIXÍNASE POR UNHA COMBINACIÓN DE RADIACIÓN A E B

As queimaduras da pel poden derivar en cancro
As queimaduras da pel poden derivar en cancro | Fonte: Commons

A radiación de tipo C é filtrada na súa maior parte pola capa de ozono. A de tipo A fíltrase entre un 90 e un 95 %, pero a de tipo B só o fai entre un 5 e un 10 %. Así as cousas, a experta conta que "antes considerábase que só a radiación de tipo B, a que maior mente chega ata nós, era responsable da carcinoxénese, pero hoxe xa sabemos que ambos os tipos de radiación, tanto a B como a A están implicados". E como actúan sobre a nosa pel? A pel está composta por células, que teñen no seu interior o ADN, e a radiación "provoca alteracións nalgunhas delas, que poden repararse ou non". Os raios ultravioletas A e ultravioletas B lesionan tanto ao ADN como ás membranas celulares e isto deriva en "mutacións que dan lugar a cambios nos xenes". Deste xeito, Sánchez-Aguilar afirma que "ata o 95 % de todos os carcinomas teñen estas mutacións inducidas pola radiación ultravioleta", que "tamén altera o noso sistema inmune, actuando sobre os anticorpos, impedindo a súa acción protectora, o que favorecería a exposición do noso organismo ao cancro".

A exposición ao sol tamén pode ser de diversos xeitos: hai exposición intermitente, que se dá sobre todo naquelas persoas que van durante o verán á praia; exposición crónica, naquelas que traballan ao aire libre en empregos no sector da construción ou do mar; pero tamén "hai unha exposición de maneira sistemática todos os días", porque o sol sempre está presente e actuando sobre a nosa pel, aínda que non o vexamos pola presenza das nubes; e, finalmente, estaría a exposición acumulada, resultado de sumar todas. Ademais, tamén hai que ter en conta que non toda a xente ten o mesmo tipo de pel: os fototipos van dende o 1 (persoas pálidas e rubias, con pecas) ata o 6 (persoas negras). As do tipo 1 e 2 son máis susceptibles á acción da radiación ultravioleta.

O MELANOMA É POUCO FRECUENTE, PERO É RESPONSABLE DO 80 % DAS MORTES

Asimesmo, cómpre reflexionar sobre os cambios que houbo sobre os hábitos de exposición ao sol. A finais do século XIX e comezos do XX, como recorda Sánchez-Aguilar, a xente ía moito máis tapada que agora á praia. Ademais, nesa época "estaba de moda estar branco, porque iso significaba que pertencías a un bo 'status social', de aí esa expresión de que os reis teñen sangue azul, porque á xente branca nótanselle máis as veas, mentres que a xente morena era a que estaba traballando á intemperie, e tiña baixos recursos económicos e nivel cultural e académico, o que non lle permitía cambiar de traballo". Logo deuse un cambio drástico "cando chegou a liberación na forma de vestirse" e comezaron a cambiar os paradigmas: "Estaba ben estar moreno, porque iso significaba que tiñas posibilidades económicas para irte de vacacións, ademais considerábase, como agora, máis atractivo, e todos os famosos vivían morenando permanentemente".

Esta nova concepción social, xunto ao feito de que hoxe a poboación vive máis e, polo tanto, co avellentamento, dá maiores probabilidades de contraer cancro, o cancro de pel foi aumentando de forma progresiva dende mediados do século XX. "O 50 % das persoas maiores de 65 anos van a desenvolver un ou máis cancros de pel", asegura a doutora, que advirte de que "o cancro de pel máis frecuente no mundo é o carcinoma basocelular, que se dá no 80 % dos casos de cancro de pel". "A maioría das veces, se se diagnostica precozmente e se trata correctamente ou se procede a unha extirpación cutánea, cúrase", afirma, de xeito que "hai moi poucos pacientes nos que presente un comportamento agresivo".

Pero, o segundo tipo de cancro de pel máis abundante en frecuencia, o espinocelular, "si presenta un comportamento máis agresivo e é o primeiro que está relacionado coa exposición solar crónica, sendo capaz de producir metástase, aínda que se se diagnostica precozmente é salvable". Finalmente, estaría o melanoma, que é "pouco frecuente", pero aínda así "responsable do 80 % dos cancros que causan a morte relacionados coa pel". De feito, en Galicia, como indica a facultativa do CHUS, é a quinta causa de morte por cancro e os casos globais de melanoma aumentaron case nun 50 %, sobre todo nos Estados Unidos e Australia, onde a incidencia deste tipo de cancro é altísima. Ademais, como apunta, calcúlase que para 2025 os diagnósticos aumentarán un 18 %.

NO 2022 DETECTÁRONSE EN ESPAÑA 7.474 CASOS DE CANCRO DE PEL

Chegados a este punto, parece obvio que é necesario mellorar na detección precoz para elevar a esperanza de vida neste tipo de cancros, que xa de por si é moi alta. En España diagnostícanse ao ano ao redor dos 5.000 casos de melanoma. Segundo as cifras que manexa a Sociedade Española de Oncoloxía no 2022 foron 7.474 casos, dándose máis en mulleres que en homes. A diferencia do que ocorre no caso do cancro de pulmón, o de pel escríbese sobre o noso corpo, é dicir, vese, pero hai que saber interpretalo, e os profesionais, como apunta Sánchez-Aguilar, "debemos ser capaces de transmitir á poboación cales son os signos de alarma polos que o paciente, tras realizar unha autoexploración, considere que é necesario consultar a un médico de atención primaria". Pois o 92 % da poboación sabe que a exposición ao sol pode causar problemas, pero só o 18 % afirma que protexe a súa pel, e faino só cando vai á praia, non para outro tipo de actividades ao aire libre. 

Sánchez-Aguilar invita así a facer unha reflexión: "Un día de verán, ás tres da tarde, cantos nenos había sen camiseta e sen gorra na praia, expostos ao sol? A ninguén se lle ocurriría darlle ao seu fillo un pitillo, pero sen embargo logo téñeno exposto ao sol na praia". A experta tamén chama a atención sobre a forma de botarse o protector solar, pois tan importante é usalo como usalo da forma correcta. "Un elevado porcentaxe de pacientes recoñece que o sol relaciónase co cancro de pel e sabemos que a presenza de queimaduras solares na infancia e adolescencia é un marcador de risco para desenvolver cancro en idade adulta", conclúe a doutora, que dá algunhas outras cifras interesantes, como que "o 61 % da xente cre que estar moreno é bo, é atractivo, ou que usar as cabinas de bronceado antes dos 30 anos multiplica por seis o risco de melanoma na idade adulta, nunha sociedade na que xa hai moitas persoas que as usan de forma reiterada".

Imaxe dunha melanoma nun pé
Imaxe dunha melanoma nun pé | Fonte: COLEXIO DE PODÓLOGOS DE GALICIA - Arquivo
Dermatoscopia dixital na procura de melanomas ou cancros na pel
Dermatoscopia dixital na procura de melanomas ou cancros na pel | Fonte: XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta