As claves do éxito da música de raíz con Baiuca ou Tanxugueiras a través da nova iniciativa 'Crossing borders'

O Consello de Cultura Galega lanza tres pezas audiovisuais protagonizadas por recoñecidos artistas galegos e subtituladas en ingles para que os galegos presentes noutros países empreguen estes vídeos "como carta de presentación".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/10/2023 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O Consello da Cultura Galega lanza 'Crossing borders. A música TRAD galega atravesando fronteiras', tres pezas audiovisuais subtituladas en inglés que, da man de creadores como Mercedes Peón, Baiuca, Uxía Senlle ou Tanxugueiras, ademais dos expertos Óscar Losada e Mariña Fernández, percorren a evolución, as especificidades e as claves do éxito da música de raíz.

Trátase de vídeos híbridos que se complementan con reportaxes de texto que axudan a "profundar e achegar datos específicos das conversacións dos músicos máis centradas no seu desenvolvemento artístico" para tratar de dar contexto ao público internacional e con temas que están de actualidade no ámbito da música internacional: fronteiras de público, de estilo e culturais.

Así, tal e como detallou este martes en rolda de prensa o coordinador do proxecto, Manuel Gago, combínanse dous grupos diferentes. No primeiro vídeo, móstrase a Luar na Lubre, con Bieito Romeu, e ás Tanxugueiras. "Este estilo de contrapor coñecementos, experiencias e xeracións parécenos moi interesante", sostivo.

A segunda peza aborda as fronteiras entre estilos musicais. "Hai que respectar a tradición? Ten que atoparse con outros formatos?", cuestionan. Neste caso, o vídeo está protagonizado por Baiuca e Mercedes Peón. Por último, para exemplificar a idea das fronteiras culturais, Abe Rábade e Uxía Senlle explican os seus puntos de vista.

Con estes vídeos, os promotores buscan, por unha banda, chegar ao ecosistema cultural galego e, por outro, ao público internacional e, en concreto, a galegos presentes noutros países, para que empreguen estes vídeos "como carta de presentación" e "como unha forma de explicarlles ás súas redes de traballo, dunha maneira sinxela e moi potente, a cultura galega".

Na "solidez" dos creadores, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ve algo "esperanzador", porque considera que "non son experiencias individuais nin efémeras". "Isto permite pensar que non só hai un presente, senón un futuro", reivindicou.Todos estes materiais audiovisuais están dispoñibles na páxina web culture.gal, un espazo web do Consello da Cultura Galega orientado a un público internacional.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o coordinador do proxecto, Manuel Gago, en rolda de prensa
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o coordinador do proxecto, Manuel Gago, en rolda de prensa | Fonte: CONSELLO DA CULTURA GALEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta