Teleoperadores do 061 non descartan ir á folga no Nadal ante os "ataques" aos seus dereitos laborais

O servizo de urxencias sanitarias asegura "estrito seguimento" pero ve as relacións laborais "asunto privado" que "non afecta".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/10/2023 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Teleoperadores e locutores do 061 denuncian que a concesionaria do servizo de operación telefónica da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Fidelis Servizos Integrais (do grupo Servizo Móbil), "ameaza coa modificación substancial" das condicións da maior parte do persoal, o que "suporía a precarización" e unha "deterioración importante" do servizo.

A través dun comunicado de prensa remitido pola CIG, reclaman "respecto" aos seus dereitos laborais e anuncian mobilizacións, á vez que non descartan ir á folga, o cal "podería coincidir coas festas de Nadal e fin de ano", Segundo explica a central sindical, a denuncia en inspección de traballo que presentaron os representantes dos traballadores por "incumprimentos" do convenio de centros de chamadas resolveuse cun requirimento de aplicación "inmediata" que insta á empresa "a que respecte os descansos de dous fins de semana ao mes".

Ante esta esixencia, aseguran, Fidelis Servizos Integrais propuxo ao persoal "inaplicar o convenio" en materia de xornada, o cal foi rexeitado. "Lonxe de buscar unha solución negociada, respondeu ameazando con reducir a xornada laboral a parte dos traballadores se non lograba que se aprobase a súa proposta unilateral de inaplicación de parte do convenio ou un convenio feito a medida da empresa (e sen achegas da parte social)", censura. A CIG engade que "sorprendentemente" a empresa "tampouco presentou ningunha alternativa de horario que cumprise cos descansos establecidos pola inspección de traballo e que permitise aos traballadores manter as súas condicións e xornadas actuais".

"O 061 MIRA PARA OUTRO LADO"

Pola súa banda, critica que o 061, contratista de Fidelis para a prestación do servizo de operación telefónica, "se desentendeu do conflito e afirmou que non ten capacidade legal para obrigarlle a cumprir coa normativa vixente". Non entanto, a organización sindical subliña que os pregos de condicións recollen "en varios apartados a obrigación de respectar as cuestións previstas no convenio de centros de chamadas". "O incumprimento é evidente, posto que hai un requirimento indubitado da inspección de traballo, autoridade competente en materia laboral", conclúe.

A RESPOSTA DA FUNDACIÓN

Pola súa banda, o 061 responde que "as relacións laborais entre a empresa Grupo Fidelis Servizos Integrais Centro de Atención de Chamadas SAU UTE, adxudicataria do servizo de operación telefónica na central de coordinación da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, e o seu persoal constitúen un asunto privado entre a empresa e os representantes dos seus traballadores".

"Desde o inicio da prestación do servizo de operación telefónica, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 realiza un estrito seguimento do cumprimento do contrato que inclúe requirimentos á empresa adxudicataria no caso de incumprimento das prescricións e obrigacións establecidas nos pregos de licitación do servizo", engaden as fontes do 061. Por último, inciden en que as relacións laborais entre a empresa e o seu persoal "non afectan de ningún xeito o funcionamento da central" para a xestión das urxencias e emerxencias sanitarias na comunidade autónoma.

Central de atención telefónica de Urxencias Sanitarias 061 Galicia
Central de atención telefónica de Urxencias Sanitarias 061 Galicia | Fonte: URXENCIAS SANITARIAS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta